Xoves. 10.10.2024
El tiempo

O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928

O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928
[fbvideo link="https://www.facebook.com/100010770699454/videos/620397998329218/?t=5" width="800" height="500" onlyvideo="1"] O alalá é unha das composicións máis singulares do canto popular galego. Os especialistas considérano a manifestación máis antiga da nosa música tradicional. Como dixo Xaime Quintanilla é “un gregoriano enxebre” coma as vellas melodías que acompañaban os actos relixiosos hai máis de dez séculos. Os alalás máis comúns caracterízanse pola súa curta extensión, de unha a tres estrofas; pola interpretación “a capela”, é dicir, sen acompañamento instrumental, onde a voz é a protagonista absoluta. A súa realización lévase a cabo por un único intérprete, xeralmente masculino e de tonalidade grave. Ten un ritmo libre e sinxelo, liberdade que lle proporciona ao cantador a posibilidade de adornar a composición con diferentes alongamentos vocálicos. Neste sentido, unha das súas sinais de identidade máis sobresaíntes é o prolongado sostemento da última nota que vai esmorecendo moi a modiño. Estes trazos dan como resultado unha peza grave, solemne, cun ton triste, sentido, melancólico; moi propio para cantar os desenganos do amor, as dores das ausencias ou tódolos desacougos da vida. O denominado ALALÁ DE MAZARICOS, que vos presento hoxe, pertence á tradición popular e coma toda a música de raíz, non ten unha autoría coñecida, senón que é froito do xenio creativo do pobo. Esta peza foi recollida en Mazaricos no ano 1922 por Xerardo Roque, un compoñente do Coro CANTIGAS DA TERRA da Coruña, para inmediatamente engadila ao repertorio da citada coral. Coral nacida na cidade herculina no ano 1916 e que, conxuntamente con outras aparecidas antes ou despois desta data, formaría a columna vertebral da recuperación, dignificación e propagación da música, do baile e da vestimenta tradicional de Galicia nos medios urbanos, no resto do estado español e no dilatado mundo da emigración. Cunha nómina de formacións tan importantes coma AIRES DA TERRA creada en Pontevedra en 1900; TOXOS E FROLES nada en Ferrol en 1916; no mesmo ano e na cidade de Lugo fúndase CANTIGAS E ATURUXOS; a xa citada CANTIGAS DA TERRA; a ourensá CORAL DE RUADA que iniciará a súa andadura no 1918 ou CANTIGAS E AGARIMOS que o fará dende Santiago en 1921. Chamábanse coros ou corais pero eran verdadeiras agrupacións folclóricas que, ademais de recuperar o vestiario tradicional, cantaban, bailaban, tocaban instrumentos, e incluso facían pequenas representacións escénicas que, cos anos e cun espírito parecido, incorporaría o BALLET GALEGO REY DE VIANA aos seus espectáculos. Algunhas destas formacións desapareceron co paso do tempo, outras coma Cantigas da Terra seguen mantendo viva a chama da tradición. A día de hoxe non sei se continuaran interpretando o ALALÁ DE MAZARICOS, pero en todo caso, os devanceiros dos actuais compoñentes deixáronnos unha gravación sonora realizada no ano 1928. Foi o selo discográfico ODEÓN que xa gravara algúns temas deste grupo en 1921, quen se encargou, outra vez, da impresión sonora e da comercialización deste novo repertorio en discos de “pizarra”. O vinilo estaba moi lonxe e o CD aínda máis. Os resultados, como puidestes comprobar, non teñen a claridade e limpeza de son a que estamos acostumados na actualidade, a tecnoloxía daqueles tempos non permitía nada mellor. Estes traballos estiveron dirixidos polo gaiteiro, nese momento xa ex-director da agrupación, Manuel Fernández Amor, e interpretados por un elenco formado por unhas 39 persoas. Antes de dedicarlle unhas palabras ao ALALÁ DE MAZARICOS, transcríbovos a súa letra: “Teño un niño d’unha merla… ¡ai! no herbal entr’unha xesta, si as nenas me dan co niño… ¡ai! ¡ai! Velaí vén, velaí vai co niño ten d’haber festa… velaí vai. O pandeiro cando é vello… ¡ai! racha de tanto tocare; quen anda muito cas mozas… ¡ai! ¡ai! Velaí vén, velaí vai rabea por se casare… velaí vai” Temos que recoñecer que o carácter desta letra enchoupado de picardía e segundas intencións, non concorda moito coa natureza melancólica e cargada de sinceridade que posúen os alalás máis comúns. Esta peza, como xa deixamos constancia, fora recollida por Xerardo Roque, un dos cantadores solistas da agrupación. Posteriormente sería axeitada ás necesidades da coral, nesta labor de adaptación incorporáronlle dous trazos que, non sendo absolutamente alleos a este tipo de composicións, son pouco frecuentes no seu estado puro e popular: o acompañamento instrumental e a interpretación ao unísono por un bo número de voces. Como puidestes observar pola audición, cada unha das estrofas que compoñen a peza conta cunha introdución instrumental, para seguidamente e a capela, continuar o coro coa interpretación das cantareas. Os dous primeiros versos son vocalizados por un grupo de voces masculinas de tonalidade moi grave, seguramente baixos; para, a continuación, incorporarse toda a coral, imprimíndolle ao remate de cada estrofa unha migalliña máis de cor. E aínda que nin a letra nin a interpretación inciden nos aspectos máis queixosos e sentidos dos alalás máis coñecidos, o resultado final non deixa de posuír a grave solemnidade que tamén forma parte do carácter destas composicións, neste caso, contrastando poderosamente coa mensaxe erótica das cantigas. Esta e outras gravacións de Cantigas da Terra foron reeditadas en numerosas ocasións; eu teño, quizais, unha das últimas en disco de “pizarra”, realizada en 1952 e da que vos ofrezo formando parte das imaxes do vídeo, un detalle coa etiqueta que identifica o tema. O disco só inclúe doas composicións: pola cara A o Canto de pandeiro de Noia e pola B o noso alalá. O Alalá de Mazaricos non só foi interpretado pola Coral Cantigas da Terra, outras agrupacións tamén o incorporaron ao seu repertorio seguindo o exemplo da formación coruñesa. Neste sentido, podemos lembrar aquí a homenaxe que o LAR GALEGO de Madrid ofreceu no 1933 á Miss España dese ano, a viguesa Emilia Docet, e no que o Coro Rosalía de Castro amenizou a velada, entre outras pezas da tradición musical galega, co Alalá de Mazaricos. Sería moi desexable que esta peza do noso patrimonio inmaterial fora recuperada para o noso Concello pola Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, engadíndoa ao repertorio dos seus diferentes grupos de música tradicional. O vídeo, a parte fundamental deste traballo, foi realizado por José Ramón do Creguiño de Sanfoga. Incorpora a composición musical, unha imaxe inicial da Coral Cantigas da Terra e, ademais do xa citado detalle do disco co que remata, algunhas instantáneas máis que retratan o Mazaricos doutros tempos. Imaxes que puidemos utilizar grazas á colaboración de José Romero Maneiro, María Elisa Romero Iglesias, Natalia Lema Otero, Claudino Esperante Romero, Francisco del Río Senra, Ramón Traba Atán, José Cambeiro Carreira e José Luis Atán Jurjo.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios