Luns. 23.09.2019
El tiempo

O Cruceiro do Sicho dos Outeiros

O Cruceiro do Sicho dos Outeiros
Xa nos ten falado do O Cruceiro do Ciroláns de Suevos. Hoxe Suso Jurjo, na súa viaxe por Mazaricos, lévanos ata Beba para falarnos do Cruceiro do Sicho dos Outeiros.

O Cruceiro do Sicho dos Outeiros (Beba-Mazaricos)

Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Beba.Mazaricos-foto- Xose Ramon Esperante Otero Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Foto- Xosé Ramón Esperante Otero Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Beba.Mazaricos-foto- Xosé Ramón Esperante Otero 1 Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Beba.Mazaricos-foto- Xosé Ramón Esperante Otero Non é a primeira vez que falo dalgún cruceiro dende este perfil. Nesta ocasión, atopándonos en Semana Santa, coido que cadra moi ben lembrar unhas das creacións arquitectónicas que máis nos definen como País. Onde a paixón e morte de Xesús Cristo é o argumento e a xustificación principal da súa mensaxe. Salvar a alma foi tarefa fundamental para os crentes de tódolos tempos. Todos intentaron e intentan levar unha vida o máis edificante posible. Pero moitas veces a ambición, as paixóns ou a miseria levan ao ser humano por camiños tortuosos que lixan e embrutecen o seu espírito. Nestes casos Deus sempre dá outra oportunidade. O arrepentimento, o propósito de emenda, a solidariedade comprometida co próximo ou demostrar agradecemento ao Creador pola súa inmensa misericordia, son accións que a Igrexa sempre considerou axeitadas para redimir as culpas e devolver á existencia dos crentes a pureza perdida. Destas accións, a que máis nos interesa para o asunto que aquí tratamos é o agradecemento a Deus, nunha dupla vertente.     O agradecemento polo xeneroso perdón das posibles faltas cometidas, e o agradecemento polos bens recibidos ou polos que se esperan recibir. Deste dobre agradecemento nacen os cruceiros penitenciais e os de acción de grazas. Dar grazas polos dons que a vida lle vai dando ao crente, ou solicitar a axuda do Creador naquelas situacións nas que se ve en perigo, é algo inherente ao ser humano. Cando se sente abandonado polo próximo, pola ciencia, polas propias forzas, volve o rostro cara Deus esperando o milagre. E por que un cruceiro para este tipo de transaccións coa Divindade? A verdade é que a nómina de dádivas en accións de grazas e ofrendas penitenciais era moi ampla. Os cruceiros son un elemento máis deste xogo de intercambios entre o home e o seu Creador: misas, novenas, esmolas, ornamentos litúrxicos, contribucións especiais para todo tipo de obras nos templos,... O cruceiro pola súa especial situación dominando amplas paraxes paisaxísticas ou espazos urbanos de intensa vida comunitaria, polo seu material con vocación de eternidade e por unha ampla gama de prezos, segundo as características da obra, que os facían accesibles a un espectro amplo da poboación; quizais era un dos medios máis axeitados para que o seu promotor saldara as contas pendentes con Deus, e de paso deixara perenne memoria da súa fe e do seu paso pola vida para as xeracións futuras. Dentro dos cruceiros penitenciais ocupan un espazo importante as cruces por morte inesperada, fóra da casa, sexa violenta, accidental ou fortuíta. Nestes casos o defunto parte, presuntamente, para o outro mundo sen ningún tipo de preparación espiritual que o reconcilie, se fora o caso, con Deus. Os cregos de tódolos tempos non se cansaban de repetir aos seus parroquianos que era fundamental estar preparado porque a morte podía chegar en calquera momento. Miña avoa, María da Ghapita, que era unha muller moi desconfiada e temerosa de Deus, dicía tódalas noites cando se deitaba unha oración bastante longa na que figuraba o seguinte treito: “Señor mío Jesucristo eu a vós pido perdón, pernoname os meus pecados que vós sabés cantos son, e dádema a penitencia e botame a absolución, que se morro nesta hora non morro sen confesión” Aspecto xeral do Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Beba.Mazaricos-foto- Xosé RamóAspecto xeral do Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Beba.Mazaricos-foto- Xosé Ramón Esperante Oteron Esperante Otero Aspecto xeral do Cruceiro do Sicho dos Outeiros-Foto- Xosé Ramón Esperante Otero Pero cando un non era tan precavido, as cruces eran case imprescindibles, polo menos así o entenderon os familiares e herdeiros de moitos falecidos de maneira imprevista; e así no lo corrobora a súa abundancia. Non son, normalmente, cruceiros propiamente ditos, xa que acostuman a carecer de plataforma, aínda que o varal ten bastante desenvolvemento, polo que son denominadas cruces altas. Pero cando fala este home do cruceiro do Sicho? Estaredes preguntándovos, e con razón. Agora vai Da ampla nómina de cruceiros que podemos encadrar dentro desta categoría penitencial e de acción de grazas, e obviando o Desencravo do Cirolán de Suevos que xa foi tratado nunha entrada anterior, un dos máis interesantes e característicos é o do Sicho dos Outeiros. Onde un fillo agradecido aos méritos de súa nai, ademais de pagarlle as misas e responsos de obrigado cumprimento, decide erguer un cruceiro que inmortalice o nome da proxenitora xa falecida, e o seu propio como promotor da obra. O lugar dos Outeiros que, seguramente toma o seu nome dos numerosos outeiros, é dicir das formacións rochosas que aquí e acolá aparecen, non só nesta aldea, senón por todo o territorio parroquial. O mesmo lugar de Beba está construído sobre infinidade de outeiros. Hai un dito, moi desta parroquia, que nos lembra que “quen achanda valados descobre outeiros”. Sentencia na que, ademais de deixar constancia dun feito moi corrente nesta freguesía, nos recomenda que é mellor non darlle moitas voltas aos asuntos e menos levar as cousas ata os extremos, porque os resultados que podamos obter, é moi posible que non sexan os que esperábamos, é dicir, é peor o remedio que a enfermidade. Unha chamada ao conformismo en toda regra. E despois de tantas voltas e reviravoltas, a ver se falo do cruceiro do Sicho. Pero non me negaredes que sempre vos dou moito máis do que vos ofrezo. O Sicho dos Outeiros era unha familia de capadores, unha profesión moi común nesta parroquia xa, dende polo menos, o século XVIII. Nos primeiros anos da pasada centuria, cando en Beba esta o Concello e o Xulgado, corría a seguinte cantarea: “Os de Beba son señores, os de Beba son alcaldes, os de Beba son señores, secretarios, xueces e capadores” Agora é verdade que vai. Remataron os rodeos. O cruceiro, como acredita a inscrición labrada no pedestal, hoxe practicamente ilexible, foi mandado construír arredor de 1920/1925 por José María Estalote Rivas en memoria de súa nai, dona Ventura Rivas Fontán, xa defunta por aqueles tempos. Se me permitides un último inciso, o apelido Estalote é moi pouco común e debe ter a súa orixe no noso Concello. Coido que tódolos Estalotes escagallados polo mundo, que non son moitos, proceden de Mazaricos. O cruceiro ten unha plataforma cuadrangular con dous chanzos. Esta estrutura está practicamente enterrada na beira do camiño no que se atopa, saíndo da aldea con destino á igrexa parroquial e ao lugar de Beba. Despois desta grada de minúscula altura, continúa cun pedestal tamén cuadrangular, coas esquinas rebaixadas por mediacanas. O varal arrinca cunha sección cadrada para, debido a uns cortes a bisel efectuados nos cantos, converterse en octogonal. O capitel é de formas cuadrangulares. Centrando cada unha das catro caras atópase un anxiño rodeado dunha rica decoración: volutas, follas de acanto e orlas vexetais. Os paus da cruz queren imitar os toros dunha árbore, é dicir, de formas cilíndricas e con algúns “ghallos” chapodados case que de raíz. Con relación ás imaxes, temos no anverso un Cristo xa morto. O corpo plenamente vigoroso, cun peito xeneroso, unha musculatura de atleta e un escaso pano de pureza atado por unha corda á cintura que malamente oculta as súas partes pudendas. Atópase suxeito aos madeiros por tres cravos, únicos puntos nos que a súa poderosa complexión entra en contacto coa cruz. O corpo xa sen vida, e alleo á vontade e á coraxe cao que resistiu a dureza da crucifixión, despégase da cruz e deixase caer totalmente tensado polo seu propio peso. A cabeza cunha acusada inclinación cara o lado dereito e dunha forte osamenta, enmarca un rostro cos ollos fechados, serio, estoico, realista. A barba e os cabelos forman grandes masas apenas riscadas por algún efecto pictórico. Luce unha coroa de espiñas con incisións metálicas a modo de pinchos. Todos estes trazos imprímenlle á imaxe do crucificado unha xenuína e contundente personalidade. No reverso, María cos pés apoiados sobre a cabeza dun anxo, a modo de peaña. Móstranos unha postura de recollemento á que contribúe o pano que lle cubre a cabeza, creando unha grande zona de sombra sobre o rostro, de expresión triste pero serena. As mans cruzadas sobre o peito dotan a figura materna cunha aptitude de resignada aceptación. Toda a imaxinería é de xenerosas proporcións, moi afastada do pequeno tamaño da maioría das figuras que poboan os nosos cruceiros. A esta poderosa corporeidade temos que engadirlle a grande calidade da talla, cun modelado perfecto. Esta requintada e sentida oración tallada en pedra, polas súas características, lembra moito as obras que polos mesmos anos facía o segundo santeiro de Chave (Lousame): Andrés Castaño Castro (1888 – 1950). Por informacións que me facilitou hai algúns anos Xosé Estalote (Sicho de Quintáns), falecido este último verán e descendente do promotor deste cruceiro: os canteiros que fixeron as partes estruturais eran de Arestín (Outes) e as imaxes viñeron doutro lado. Eu creo que ese outro lado foi o obradoiro de Andrés Castaño. Aínda que carecemos de referencias orais, epigráficas ou documentais que acrediten esta atribución, coido que a comparación con outras obras do mesmo autor, axeitadamente documentadas, é suficientemente contundente a este respecto. No apartado gráfico contamos con catro imaxes de diferentes aspectos do cruceiro realizadas por Xosé Ramón Esperante Otero, coa calidade que caracteriza todo o seu traballo.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios