Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Os homes e mulleres que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos

Os homes e mulleres que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos
Imaxe que recolle unha parte dos operarios que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos Imaxe que recolle unha parte dos operarios que construíron a Casa Consistorial de Mazaricos

Era unha vez un mestre que lle explicaba ao alumnado as glorias do Imperio Español. Para ilustrar as súas palabras mostroulles a imaxe dun enorme edificio articulado por múltiples patios, coroado de numerosas torres e cos tellados de lousa.

Entre outras observacións, espetoulles todo cheo de razón, mentres sinalaba a fotografía:

— Filipe II construíu o Escorial!

Un dos rapaces despois de mirar asombrado a magnitude do mosteiro, preguntoulle sen disimulada incredulidade:

— El só?

Como podedes supoñer, Filipe II non construíu o Escorial, mándoo construír que é moi diferente. Como tampouco ergueu a Casa Consistorial de Mazaricos este, ese ou aquel alcalde. Nin sequera foi o construtor Antonio Mato Blanco o que materializou o proxecto deseñado por Santiago Rey Pedreira, dos que xa falamos en artigos anteriores. Senón que foron os seus asalariados, uns do cadro de persoal e outros contratados unicamente para esta encomenda, os que edificaron a sede do goberno municipal. O inmoble do Concello de Mazaricos non ten a descomunal grandiosidade do Escorial, nin fixeron falla 3.000 persoas diarias para construílo, nin 22 anos para rematalo, 38 se contamos a moblaxe e a decoración interior.

Mais para os mazaricáns, seguramente é máis importante que o coloso do Guadarrama. Nos 58 anos que leva en pé non houbo na Picota nin en Mazaricos, ningún outro edificio que lle fixera sombra. Hainos máis altos e máis voluminosos, pero nin un só co empaque, coa monumentalidade, co rigor construtivo e co valor simbólico que posúe a Casa do Concello.

Hoxe con este artigo querémoslle poñer nome e, en moitos casos, rostro a aqueles homes e mulleres que co seu traballo acometeron a tarefa de erguer pedra a pedra e ladrillo a ladrillo este edificio emblemático para nós. As persoas que normalmente quedan esquecidas ou no máis absoluto anonimato, serán as protagonistas das liñas que seguen. Liñas que non serían posibles sen unha das fotografías que as ilustran, cedida por José do Ardeiro de Pidre; e sen as informacións facilitadas por este mesmo e por Pedro de Milia, Benito do Correo e José de Ventín, os tres da Picota; e por Paco da Villeriña de Ghosolfre; a todos o meu máis profundo agradecemento. Os catro primeiros como teremos tempo de sinalar, participaron na construción que hoxe nos ocupa.

Antes de meternos en fonduras fagamos algunhas precisións. O proxecto da construción dunha nova Casa Consistorial empezou a tomar corpo na alcaldía de Manuel González Alvite (Manuel da Irmandade da Picota), materializouse definitivamente na de Fructuoso Pérez Alvite (Cirolán de Suevos), e rematouse na de José Fernández Montáns (Cabrexo de Beba). As obras, como xa dixemos foran adxudicadas a Antonio Mato Blanco de Noia en 2.245.041,23 pesetas e comezáronse o 30 de novembro de 1956 coa explanación dos terreos, para a que houbo que arrancar moita pedra sen máis medios que os tradicionais: paus de ferro, marras, picarañas, palanquetas e cuñas. Unha boa parte da pedra retirada xa foi utilizada nos cimentos do edificio. A obra iniciou oficialmente a súa elevación coa cerimoniosa colocación da primeira pedra o 9 de xaneiro de 1957. Aínda que a inauguración da Casa Consistorial non tivo lugar ata o 6 de abril de 1960, o que son as obras propiamente arquitectónicas xa estaban rematadas a finais de 1958. Despois quedaba a colocación de toda a carpintería interior e exterior; a instalación eléctrica e de fontanería; os traballos de escaiola e a pintura de todo o edificio; para rematar co amoblamento dos diferentes espazos. Todos estes traballos de posta a punto foron contratados por Mato fóra de Mazaricos. Así que nada sabemos dos electricistas e fontaneiros que colocaron as redes de distribución de auga e electricidade, nin dos pintores e escaiolistas que dotaron ao consistorio coa súa imaxe actual. Da empresa que fixo as portas e fiestras só temos a certeza de que era de Noia.

Concentraremos as nosas pescudas neses dous primeiros anos de traballo que viron como xurdía un edificio de tres plantas que incorporaba unha torre de catro, daquela parcela de moderada pendente e entrañas de pedra doada por meu bisavó Benito Jurjo, e orientada ao Oeste da estrada e rúa principal da zona máis prominente daquela Picota en pleno crecemento.

Entre o persoal pertencente á empresa de Antonio Mato que traballou na construción do inmoble mazaricán atopábanse: un tal Campos da Pontenafonso que facía de xefe de canteiros e un pouco de encargado xeral. Un albanel chamado Manolo, un carpinteiro de nome Ricardo e un chofer que conducía un camión pequeno. Deste último ninguén se acorda do nome, o que si lembran e que ás veces no seu sitio viña un fillo do construtor ao que chamaban Matito, moi coñecido naqueles tempos porque xogaba no Compostela. Todos estes operarios procedían da zona de Outes e Noia. Chegaban os luns, comían e durmían na Casa do Santeiro da Picota (actual Efe Eme), e marchaban pasar a fin de semana aos seus fogares.

O camión do que falábamos era imprescindible, con el transportaban os materiais necesarios, a maioría procedentes de fóra de Mazaricos. Naquel momento non había entre nós ningún provedor de cemento, ladrillo ou cal. Ademais da madeira para encofrar coa que contara a empresa, se precisaban dalgunha máis, supoño que a comprarían nas serrarías dos arredores. A area traíana do río Beba, collíana un pouco máis abaixo da ponte de Colúns. A pedra miúda coa que está construída a torre sacárona dunha canteira que abriron na mesma parcela. A cantería de máis coidada elaboración empregada nos esquinais da torre, viña do Monte das Paxareiras. Procedía do mesmo lugar a pedra que picaban para formar os “morrillos” cos que completaban a mestura do formigón.

Para reconstruír a nómina dos operarios que Antonio Mato contratou en Mazaricos, contamos coa mencionada fotografía e cos datos que nos foron aportados polos informantes xa citados. En primeiro lugar había tres mulleres de Asenso, non sempre viñan todas: Helena e Julia Atán Alvita (Helena e Julia da Barcalesa) e Francisca Lago Noya (Francisca da Redonda). O seu cometido era carrexar auga para tódalas tarefas que fixera falla: principalmente para facer a mestura do formigón e a masa simple. Estar todo o día cargando con baldes de auga era un traballo durísimo. Traíana da fonte do herbal do Burro ou doutra que había detrás do solar no que por aqueles mesmos anos construía Hipólito do Mestre a súa casa. Se nas fontes había pouca auga tamén podían ir ao pozo do Cuco. A traída de augas para A Picota aínda era un proxecto, había algunha particular e uns poucos pozos.

Temos que precisar que as paredes exteriores do corpo de oficinas, así como as catro da torre coa que se funde, están feitas de formigón. Este feito indícanos a importancia do traballo de encofrado realizado polos carpinteiros. Traballo que se vía amplificado pola estrutura, tamén de madeira, na que tiñan que apoiar as placas do edificio. Este equipo de operarios tamén se ocupou de construír a armadura que sustentaba o tellado, así como da montaxe das estadas que precisaba a obra segundo ía medrando . Para toda esta actividade, ademais de Ricardo, o carpinteiro que viñera coa empresa, contaron en Mazaricos con José e Eugenio Atán Jurjo (José e Eugenio de Ventín da Picota), e con Benito Estalote Oreiro (Benito do Correo da Picota). Aínda que todos tiñan experiencia neste ramo, José de Ventín, polo que nos din, tiña unha pericia especial para estas tarefas, logrando facer as veces de encargado de encofradores. A este grupo tampouco lle faltou o traballo: había que montar todas as estruturas de encofrado segundo fixeran falla para despois retiralas e armalas noutro lado. Xa no remate da obra, tamén se encargaron da colocación, que non realización, de tódalas portas e ventás do edificio.

A torre nas súas caras con vistas ao exterior, ten unha dobre estrutura, ademais do paramento de formigón común ás catro caras, conta cunha parede de pedra que lle imprime un simbólico sentido histórico e a dota dunha nobreza e monumentalidade moi axeitada para un edificio oficial.

Estes labores pétreos estaban dirixidos por Campos, o canteiro da Pontenafonso, e completados por José Lago Piñeiro (José do Penecño do Prado da Picota) e Julián Cuns Caamaño (Xulián do Barreiro de Suevos). Estes operarios tiñan ao seu cargo a confección e colocación dos grandes bloques de cantería que percorren, dende a base ata o coroamento, os esquinais da torre. Así como, supervisar o axeitado progreso das partes realizadas con pedra máis miúda, como xa dixemos, procedente da canteira que tiñan ao pé da obra. Nestes traballos, ás veces, axudábaos Pedro Trillo Pérez (Pedro de Milia da Picota), que xa contaba con algunha experiencia como canteiro.

Para rematar estaba o grupo máis numeroso que facía un pouco de todo: sacar pedra da canteira, escuadrala para a súa colocación na torre, picar o granito chegado das Paxareiras para facer “morrillo” para o formigón, realizar a mestura do formigón ou da masa simple, achegar todo tipo de materiais ao lugar da obra que fixeran falta, axudar puntualmente ás outras cuadrillas no que precisaran,… Algúns, entre os que estaría Pedro da Villeriña de Ghosolfre que xa tiña experiencia e posteriormente montaría a súa propia empresa de construción, tamén lle axudarían a Manolo o albanel, a facer os tabiques interiores de ladrillo, a colocar terrazo, a recebar os interiores e exteriores,… Como xa apuntamos noutro lugar, os medios utilizados eran do máis rudimentario. Para os labores da pedra: paus de ferro, marras, cotaxes, palanquetas, picarañas, macetas, cuñas, punteiros, escodas, buxardas,… Non contaban cunha formigoneira, así que os morteiros e formigóns había que mesturalos con pas, sachos, eixadas,… Para carrexar os materiais tiñan unha carretilla de madeira e, sobre todo, caldeiros. Ante a pobreza dos medios técnicos, en tódalas cuadrillas e en tódolos traballos eran fundamentais o esforzo continuo e a forza de vontade do persoal.

Este grupo tan heteroxéneo coincide cos que aparecen na fotografía. O único que falta é Manuel Diz (Manolo da Ría de Vilariño de Beba), que polas informacións que temos era o que supervisaba a retirada de pedra da canteira.

A mellor maneira de lembralos é describir a fotografía na que figuran. Todo parece indicar que esta imaxe foi tomada nos primeiros meses da construción do edificio. Os obreiros atópanse na canteira facendo unha folga nas tarefas de retirada e picado da pedra para inmortalizarse nesta instantánea. De arriba abaixo e de esquerda a dereita temos: no centro e arriba de todo a Pedro Alvite Santos (Pedro da Villeriña de Ghosolfre). Dende o extremo esquerdo vemos a José María Rodríguez Casais (José María do Mancebo de Vioxo), José Estalote Martínez (José do Ardeiro de Pidre), Pedro Trillo Pérez (Pedro de Milia da Picota), José Gónzalez Alvite (José do Tabula de Ghodón), Emilio Jurjo Trillo (Emilio do Jurjo de Xesto), e o máis novo de todos, Domingo Alvite Santos (Domingo da Villeriña de Ghosolfre). Sentados ou aniñados na primeira fila atópanse José Sendón Sendón (José do Mulo de Vioxo), Antonio Martínez Romero (Antonio do Carnotán de Ghodón), e Domingo Fernández Ramos (Domingo do Barqueiro de Cives).

Todos eles exhiben as súas ferramentas de traballo. A maioría portan paus de ferro, marras e cotaxes. A maiores destes aprechos, Pedro de Milia carga cunha pa, Antonio do Carnotán cun caldeiro e unha palanqueta, e Domingo do Barqueiro cunha maceta e cun punteiro.

Os contratados de Mazaricos sacando cinco ou seis persoas, non superaban os trinta anos. Pero entre estes había varios que eran moi novos: Domingo da Villeriña tiña no momento de empezar a obra catorce anos; José do Ardeiro e Emilio do Jurjo andaban polos quince; Benito do Correo tería uns dezasei; e Domingo de Barqueiro arredor dos 17. Eran outros tempos e os rapaces, na casa ou fóra, traballaban dende moi pequenos. Cunha agricultura que non coñecía ningún tipo de mecanización, tódolos brazos eran poucos para sacar adiante a familia; e se había a posibilidade de suplementar as tarefas agrarias cun xornal fóra da casa non se desaproveitaba. Iso foi o que deberon pensar unha boa parte dos nosos protagonistas, xa que o salario, para a época non era malo.

Como cabería esperar, había unha grande disparidade entre uns e outros: dependendo da idade, da capacidade de traballo desenvolvida e do nivel de especialización que tivera cada un dos operarios. Neste tema non hai unanimidade entre as informacións que nos foron facilitando. Os salarios más altos eran os dos encargados: José de Ventín dinos que a el lle pagaban sete pesetas por hora e durante algúns períodos chegou a facer dezaseis horas ao día. Os obreiros especializados andaban nas cincuenta ou sesenta pesetas diarias. Pedro de Milia asegúranos que el empezou cunha retribución dunhas trinta pesetas, para pasar ás sesenta en poucos meses. Benito do Correo, pese a súa xuventude xa tiña coñecementos de carpintería, cobraba arredor de trinta pesetas diarias. Supoño que os máis novos e sen experiencia no ramo da construción cobrarían por debaixo desta última cifra. Máis alá da cantidade exacta coa que fora retribuído cada un, parece que todos estaban satisfeitos en comparación co que se cobraba noutros lados.

A diferenza dos operarios pertencentes ao cadro de persoal de Mato, que xantaban na Casa do Santeiro, os contratados de Mazaricos traían a comida dos seus fogares. O único luxo que se permitían algúns días, e non todos, era mercar unhas "arrubandas" de pan fresco aos panadeiros da Picota. Para beber, mentres traballaban, tiñan un porrón grande de barro que enchían na fonte cando cumprira.

Contoume Paco da Villeriña de Ghosolfre que seu pai, Pedro Alvite Santos, nunha pedra das que revisten a torre, xa cerca do coroamento, gravou o seu nome. Supoño que coa intención de lembrarlle ás xeracións futuras que el axudara a erguer aquela obra que podemos considerar, arquitectonicamente e simbolicamente tamén, a máis importante do Concello ata a actualidade.

E iso que fixo Pedro da Villeriña a finais de 1958, foi o que eu pretendín con este artigo: unir o nome de todas estas persoas co edificio que construíron e que nos representa a tódolos veciños de Mazaricos como comunidade. Unha comunidade que leva dende 1836 convivindo no seo desta institución política e que, eu polo menos, desexo que perdure eternamente.

A Casa do Concello de Mazaricos na actualidade A Casa do Concello de Mazaricos na actualidade
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios