Pontón propón en Mazaricos o programa "Do Rural á Mesa" para levar produto galego aos comedores escolares
Escolleu Ana Pontón unha explotación gandeira de Mazaricos para presentar a súa proposta electoral "Do rural á Mesa". A voceira nacional do BNG estivo na Gandería Chelo, en Asenso, poñendo en valor a labor do sector mazaricán, un dos concellos máis importantes de Galicia, que conta con 350 explotacións e 25.000 cabezas de gando.
A candidata ás eleccións debullou o programa "Do rural á Mesa", destinado á compra pública de produto galego para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da administración. Unha medida que persegue apoiar a produción local e mellorar a alimentación nos comedores públicos.
Pontón aproveitou a visita para destacar o papel das mulleres no rural e avanzar o compromiso de estender o servizo de xantar na casa a todas as persoas dependentes que viven no rura
Ademais, Pontón anunciou que porán en marcha un cheque de compra de alimentación para que as familias de menor renda teñan acceso a produtos frescos de calidade.
En clave empresarial, tamén sinalou a proposta dun tícket rural dotado con 15.000 euros anuais e rebaixas nas cotizacións dos emprendedores para impulsar proxectos innovadores no sector agrogandeiro, para manter “un rural vivo e produtivo”.
Igualmente, comprometeuse en concreto a mobilizar 100.000 hectáreas nos próximos dez anos como “revulsivo” para o sector agrogandeiro e avogou pola incorporación de xente moza.