Sábado. 04.05.2024
El tiempo

O sector do mar de Fisterra trasladoulle as súas inquedanzas ao BNG

Encontro BNG sector mar Fisterra
O sector do mar de Fisterra trasladoulle as súas inquedanzas ao BNG

Rosana Pérez e Oscar Insua, número 3 e 7 respectivamente da candidatura do BNG por A Coruña, mantiveron un encontro o pasado sábado con profesionais do mar de Fisterra para coñecer de primeira man a problemática do sector. Na xuntanza, celebrada na Confraría da localidade, participaron o Patrón Maior, mariñeiros e membros das agrupacións de percebeiros e mergulladores.

Os traballadores do mar explicaron aos candidatos nacionalistas os principais problemas cos que se atopan para facer o seu labor. Os mariñeiros sinalaron que a pesca do polbo necesita periodos de veda máis amplos para facer que sexa máis sostible. En canto ao abadexo, lamentaron a redución das cotas e lembraron que existe unha proposta das autoridades que limita a súa captura a 5 quilos ao día por barco. Pola súa banda, os mergulladores explicaron aos candidatos do BNG que existe escaseza de navalla pola elevada mortandade da especie, e afirmaron que ven necesario que se estableza un plan experimental para que os profesionais do mergullo poidan mariscar con outros recursos, como a extracción de ameixa con aire en zonas profundas.

Outro dos colectivos que expuxeron os seus problemas é o dos percebeiros, que criticaron a falta de controis aos bateeiros que se desprazan a zonas onde
nacen os percebes á procura de mexilla para posteriormente vendela.


Peche do ISM de Corcubión

Os profesionais do mar de Fisterra tamén resaltaron a súa preocupación ante o posible peche das dependencias do Instituto Social da Marina de Corcubión,
que se encarga das revisións médicas no sector. Os candidatos nacionalistas comprometéronse a seguir loitando pola permanencia de dito servizo, de
competencia estatal, e avanzaron que o BNG presentará as iniciativas que sexan necesarias ao respecto a través de Néstor Rego, deputado no Parlamento español.

Tanto Rosana Pérez como Oscar Insua subliñaron a aposta do BNG pola "defensa da produción pesqueira e marisqueira", e reafirmaron o compromiso da formación nacionalista en "resolver as eivas do sector se chegan a gobernar a Xunta de Galiza". Ademais, os candidatos do BNG denunciaron que as políticas do PP nos últimos 14 anos fomentaron "o desánimo e a desunión entre a xente que se dedica ao mar".

Comentarios