Sarela pon en marcha en Mazaricos un punto informativo sobre dano cerebral adquirido
Desde o pasado día 16 está a funcionar na Casa da Cultura do Concello de Mazaricos un novo punto de información especializada en dano cerebral adquirido (DCA) de Sarela (Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Compostela) grazas á implicación e apoio da Concellaría de Cultura e Servizos Sociais de Mazaricos.
O ictus, os traumatismos cranioencefálicos, os tumores cerebrais, a falta de osíxeno por unha parada cardiorespiratoria ou un afogamento son as causas máis frecuentes desta discapacidade que hoxe afecta en Galicia a máis de 35.000 persoas. O DCA caracterízase por xerar secuelas moi varias (motoras, sensoriais, cognitivas, afectivo/emocionais, alteración do comportamento etc) e moitas veces invisibles.
Como funciona?
Todas as familias dos concellos de Mazaricos, Santa Comba, Muros, Outes e Carnota nas que algún dos seus membros teñan dano cerebral poden pedir cita para asistir a este punto de información que é gratuíto e funciona todos os luns de 10:30 a 13:30 na Casa da Cultura de Mazaricos. É necesario cita previa, que se pode solicitar a través da traballadora social do concello de procedencia ou ben chamando ao 981 577 037 de Sarela.
No punto de información unha traballadora social de Sarela ofrecerá información e orientación sobre o dano cerebral relacionados coa volta ó domicilio despois da alta hospitalaria, recursos e servizos aos que pode ter dereito a persoa, servizos dirixidos á familia e persoa coidadora, etc. Tamén existe a posibilidade de que a atención sexa a domicilio en función das necesidades das familias.
Por outra banda, as persoas usuarias dos Puntos de Información poderán beneficiarse de atención psicolóxica individual (tanto a persoa con DCA como a familia), atención psicolóxica grupal mediante a creación de grupos de familias e de información concreta relacionada coa orientación laboral das persoas con dano cerebral.
No funcionamento dos Puntos de Información será clave a coordinación con outras unidades de referencia como Atención Primaria de saúde, Servizos Sociais e outros recursos comunitarios da zona.
Nestes momentos Mazaricos é o quinto punto de información especializada tralos de Ribeira, A Estrada, Arzúa e Lalín, pero é a primeira na comarca.