Venres. 26.04.2024
El tiempo

Abidismur estrea local no Centro de Día de Muros

Abidismur estrea local no Centro de Día de Muros

A Asociación de Persoas con Discapacidade da bisbarra de Muros (Adisbismur), entidade que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) estrea hoxe un espazo na zona urbana do concello muradán, situado nas instalacións do centro de día. O espazo, cedido pola Concellería de Benestar, ao estar máis céntrico, é máis doado que os usuarios da asociación poidan achegarse ata el. Ademais, é accesible para as persoas con mobilidade reducida e conta con prazas de aparcadoiro reservadas.

Dende hai uns anos, en Adisbismur están a realizar enquisas de calidade aos seus asociados e unha das notas máis baixas recaía en que as instalacións que tiña a entidade en Abelleira carecían duns accesos cómodos. A raíz destas respostas, Adisbismur reuniuse en varias ocasións co Concelleiro de Benestar para solicitarlle unhas instalacións adecuadas tanto á entidade como aos seus usuarios. Finalmente, o Concello autoriza a cesión dunha oficina no centro de día por catro anos consecutivos.

Reunión con Benestar

Aproveitando a inauguración deste novo espazo, o Presidente de Adisbismur, Ramón Sestayo, e maila Coordinadora da entidade, Fina Lestón, reuníronse co Concelleiro de Benestar, Miguel Prado, e maila Concelleira da Muller, Mª José Martínez, para achegarlles unha serie de propostas sobre a discapacidade para incorporar no seu programa electoral co fin de que os partidos políticos teñan en conta ao colectivo das persoas con discapacidade durante o desenvolvemento das súas políticas sociais.

Algunhas das propostas que apunta son: o compromiso para considerar a discapacidade como transversal, o acceso universal de todos os cidadáns con discapacidade aos dereitos e servizos cidadáns e sociais, a revisión e modificación de toda a normativa local previndo e eliminando todo tipo de discriminación cara ás persoas con discapacidade, a posta en marcha de campañas de sensibilización, concienciación e educativas de forma periódica e sistemática, dirixidas a todos os grupos do municipio sobre a realidade das persoas con discapacidade, entre outras.

Por parte dos concelleiros, manifestan que seguirán apoiando á entidade como estiveron realizando ata o de agora.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de COGAMI.

Comentarios