Venres. 26.04.2024
El tiempo

Axenda dunha completa fin de semana percebeira e medieval

Axenda dunha completa fin de semana percebeira e medieval

Impresionante se presenta esta fin de semana de 6, 7 e 8 de xullo de 2012. A Axenda Costa da Morte ferve de propostas, de propostas tremendamente agardadas, con tintes gastronómicos e históricos.

E comezamos na mesa, comendo i é que as citas gastronómicas tiran moito e este sábado teremos nada menos que a XX Festa do Percebe do Roncudo, o rei do marisco. E ollo, que para o luns 9 de xullo terá lugar a Fagía de Carnés, a festa gastronómica con máis historia da zona, que dará pé ademais a unha completa semana de festas de San Cristovo.

Outra das citas máis agardadas da fin de semana é o XVII Asalto ao Castelo de Vimianzo. A capital soneirá xa está engalanada e hoxe xa corren os Pinchos Irmandiños polos Bares, e ademais celebrarán a emotiva Cea Medieval. Mañá sábado terán lugar os grandes espectáculos, coa Feira Artesanal, os concertos, e a representación da Revolta Irmandiña contra os nobles no foxo do Castelo. Imprescindible.

E de historia temos abonda na fin de semana, pois de venres a domingo a vila de Muros engalanarase de mercado mariñeiro nas súas Xornadas Muros Mira ao Mar. É espectacular disfrutar do fermoso casco vello ateigado de vida mariñeira.

Hai máis citas ca historia, e dende o bar, algo nunca visto. Comezan as Barferencias arqueolóxicas de Carnota este sábado ás 20:00h no Bar Louro de Lira. Un gran xeito de sumerxirse no mundo da arqueoloxía sen deixar de tomarlle unha a gusto.

E por se fora pouca historia, dous guías de excepción, Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar, levaránnos por unha ruta polo conxunto monumental de Moraime durante a mañá do sábado.

Non faltará a música durante a fin de semana. Pois o venres, o Pub Nubes de Cee acollerá o concertazo dos muradáns Terbutalina. Uns Terbutalina que estarán tamén o sábado no XX Aniversario da AC Canle de Lira.
Máis, música, pero de Banda, haberá en Baio na noite do sábado, co concerto da Banda de Seseña.
E tamén, en clave musical, pero desta volta electrónica, DJ Rivero estará en Cee na noite do sábado.

Ademais, teremos unha cita solidaria cos voluntarios da Marea Blanca para limpar unha praia da zona, e poderemos disfrutar do espectáculo da Cascada do Ézaro iluminada, como durante 16 noites de todo o verán.

Ollo que tamén podedes contemplar varias exposicións estes días en Fisterra: dúas na Lonxa de Fisterra, unha con fotos de Xusto Fisterra e outra no dos fondos mariños; outra no Faro de Fisterra coas imaxes de Teresa Búa, que se completara cos Murais de Azulexo que xa están no entorno do Cabo e máis por Corcubión e Muxía.

E tamén comeza o programa verán no Museo de Arte Contemporánea da Fundación Torre Pujales de Corme. Este venres 6 de xullo, a partir das 20:30h, Conferencia sobre o “Humorismo gráfico de Castelao”, impartido polo escritor, crítico e poeta Xavier Seoane.

Máis información

Fonte

Comentarios