Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Cole de Louro, escollido para desenvolver un dos Polos Creativos de fomento das STEM

POLOS CREATIVOS modificado2 copia
O Cole de Louro, escollido para desenvolver un dos Polos Creativos de fomento das STEM

Hai experiencias no ensino rural que merecen atención. Unha delas atopámola no pequeno CEIP de Louro (Muros), que vén de ser escollido, coa terceira máxima puntuación, pola Consellería para desenvolver un proxecto do Programa “Polos Creativos”. Un centro que conta con 3 aulas mixtas (cada unha de 3 cursos), 5 profes (2 compartidos pero 3 definitivos) e un total de 42 nen@s. Unhas cifras que permiten ofrecer unha experiencia educativa singular.

Así no logo conta a súa directora Silvia Pérez Madariaga, desexosa de transmitir que “a calidade educativa é igual, ou mellor, que nunha cidade, e cunha atención moito máis personalizada”, explica intentando romper o mito e deixar claro que "o alumnado do rural ten acceso a recursos e programas tan innovadores coma este".

Durante o vindeiro curso, o colexio desenvolverá o proxecto “PetroTextiles”. Un proxecto de 2 anos que rondará arredor do patrimonio arqueolóxico, nomeadamente sobre o petroglifo da Laxe das Rodas, que podería ser un calendario lunisolar. “Queremos poñelo en funcionamento, implicando a toda a comunidade educativa”, explica.

Porque o deseño levarase a cabo cos e-téxtiles, facendo tamén unha secuencia de actividades desde a orixe dos téxtiles, a través de sementes de liño , ata a introdución da electrónica e a programación nos mesmos. Serán as mulleres tecedoras da vila (nais, avoas, tías…) as que compartan coa rapazada toda a súa experiencia sobre costura.

Todo aderezado coa promoción das STEM (o acrónimo que serve para designar as disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), pois realizarán diversas actividades de electricidade e programación cos téxtiles.

Novas das Escolas Rurais

Comentarios