Decomisan a uns furtivos 280 kilos de berberecho, pero forzan a lonxa e vólvenos roubar
- Membros da Confraría lamentan a "impunidade" da banda de furtivos que opera na zona e a "impotencia" que supón

Menuda demostración de impunidade a amosada por un grupo de furtivos estes días en Muros. E iso que a ría de Muros e Noia é unha das mellores vixiadas de toda a zona, e conta con 4 vixilantes nocturnos, ademais de toda a colaboración das mariscadoras que fan esa labor durante as horas diurnas.
Era a madrugada do sábado ao domingo, cando unha membro da confraría alertaba de que un grupo de 4 ou 5 furtivos estaban esquilmando Esteiro, que ademais estaba de festas. De contado a vixilancia de Muros e tamén de Noia achegábanse ao lugar, e sustraían varios sacos que pesaron 280 kilos, unha auténtica barbaridade. Nese momento, non puido achegarse a Garda Civil, polo que os vixilantes decomisaron o material e o gardaron na lonxa.

A sorpresa xurdiu aínda máis ao día seguinte, cando as mariscadoras volvían á lonxa e vían como os furtivos agardaran para, entre as 6:00h e 8:00h da mañá, forzar a porta do pósito e volver roubar o marisco.
A cousa non quedou aí, porque na madrugada seguinte volveron velos esquilmando a zona da Virxe, en Muros, nunha demostración total da “impunidade” coa que rouban, como lamentan dende o pósito. “Crea unha sensación de rabia, de impotencia, e tamén de baixada de moral ata os pés que dan gañas de deixalo todo”, laméntanse as mariscadoras.
Outras novas sobre furtivismo
- Xullo 22: Incautan a uns furtivos en Camariñas unha embarcación, 3 equipos de mergullo e 67 kg de percebe.
- Xullo 22: Incautan 18,5 kg de centolla ovada e 62,5 kg de longueirón sen documentación en Malpica.
- Xullo 22: Os percebeiros de Muxía cazan un grupo de furtivos esquilmando 36 kilos de percebes nas rochas da Barca.
- Maio 22: Denuncian a presenza, con ameazas, de furtivos nos contaminados bancos marisqueiros da ría de Corcubión.