A resposta da Consellería a 20 familias de Carnota que denunciaron a falta de pediatra: “Que vaian a Muros ou a Outes”
As familias de Carnota levan meses sen pediatra, como denunciaba tamén onte o BNG. Xa dende o mes de maio non aparece polo Centro de Saúde carnotán a especialista que se trasladaba 3 días á semana dende o CS de Muros, polo que as familias teñen que ir a Muros, ou mesmo a Outes, se o centro muradán está moi colapsado, para tratar ás súas crianzas.
Ante a cronificación desta situación, 15-20 familias uníronse e presentaron unha reclamación formal ante o Sergas pola falta de pediatra. Todas as familias recibiron a mesma resposta, sempre coa retórica de que “distribúen os recursos da mellor forma segura”, “co fin de garantir a cobertura da asistencia urxente, e facilitar a accesibilidade á asistencia ordinaria á toda a poboación”.
A resposta é clara: non hai ningún problema coas crianzas: “a citación non urxente dos nenos menores de 3 anos poden ir no cupo do pediatra mais próximo xeográficamente”, é dicir, a Muros (a 20 minutos en coche) ou Outes (a 25…). “Bótalle tempos e kilómetros”, critican as familias
Vai máis alá o Sergas: “os maiores de 3 anos poden ser valorados en primeira instancia por un médico de atención primaria”, a pesar de que a normativa estatal sinala que os pediatras deben tratar ás crianzas ata os 14 anos.