A Festa do Orgullo e a Noite da Nasmo, as novidades das Festas de San Pedro de Muros

O Concello de Muros presentou a programación das súas Festas de San Pedro, que se celebrarán os días 28, 29 e 30 de xuño.
Como gran novidade, este ano celébrase o venres 28 a Festa do Orgullo, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB. Haberá concentración, lectura dum manifesto reivindicativo e ‘Festa Holi. Muros con Orgullo’, antes da actuación de Paco Nogueiras e a quenda das orquestras Miramar e Claxxon.
O sábado 29 haberá procesión e misa cantada, varias actuacións musicais e fogos de artificio, mentres que o domingo, como fin de festa, Muros acollerá ‘A Noite da Nasmo’, un festival cos grupos dos locais de ensaio municipais.
“Unhas festas moi especiais, nas que mantemos as tradicións e amosaremos que somos un concello aberto, respectuoso e plural”, asegura a alcaldesa, María Lago, que convida ás festas á veciñanza e os visitantes e destaca ademais “que haberá actividades para todas as idades e lle daremos á sala Nasmo o espazo que merece”.
Laura Rivadeneira apunta tamén como novidade “a sesión vermú do domingo” e que “os fogos de artificio cambian a ubicación e serán lanzados dende unha plataforma dende o mar, para minimizar os riscos e non causar molestias aos usuarios do porto”.
“Cremos necesaria a celebración do Orgullo, con actividade específica como ferramenta imprescindible para acadar a igualdade real”, engade a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez.