Un minuto de silencio e un pouco de axuda humanitaria para Ucraína

Invitaba hoxe a FEGAMP a todos os Concellos de Galicia á realizar unha concentración silenciosa de 5 minutos ás 12:00h ás portas dos Consistorios. Concellos como os de Vimianzo, que aproveitaba a visita da Subdelegada do Goberno María Rivas para facer unha foto de familia numerosa, Carnota, Malpica, A Laracha, Ponteceso, Santa Comba, Carballo ou Zas, realizaban sendas paradas, en presencia dos traballadores municipais e moitos veciños que quixeron amosar o seu apoio ás persoas que máis están sufrindo esta guerra.

O outro día xa analizabamos as mellores formas de axudar ao país, mentres as iniciativas máis solidarias continúan traballando para facer chegar axuda humanitaria.
O caso máis simbólico é o de Muros, onde o GES en colaboración coa Asociación de Voluntarios de Protección Civil e a Asociación Cultural Ximiela de Louro, están realizando unha recolleita de material para enviar. A recollida está indo moi ben, aseguran dende as entidades, recollendo material de todo tipo (recoméndase roupa de neno, roupa de abrigo…) de persoas e de empresas chegadas de Carnota, Noia, Outes, Muros ou Mazaricos.
Mentres ordean todo o que vai chegando seguen a traballar no transporte, en como facer chegar toda esa axuda. Varios membros do GES xa se ofreceron a ir mesmo como transportistas ata Polonia, e están buscando a través dunha ONG a consecución dun convoi, ademais de xestionar os gastos da viaxe.
En calquera caso, para conseguir fondos propios, veñen de abrir unha conta fiscalizada pola Asociación de Protección Civìl de Muros (IBAN ES8720800302783040022245) na que podedes facer un ingreso co concepto "Axuda Ucraína". Tamén se pode aportar por PayPal ao correo [email protected] e teñen unha campaña aberta de crowfunding neste enlace.





