Muros, 1846: o axustizamento de Ginés Mato
Hai partes da nosa historia que son descoñecidas. Ás veces porque a tradición oral perdeunas e outras porque as referencias escritas desapareceron.
No caso que hoxe vou a relatar, tal vez, polo escabroso do tema, a xente quixo esquecelo, pero aínda hai hoxe en Muros, avoas que lembran escoitar das súas avoas, relatos do acaecido na vila durante e despois dos feitos que hoxe relatarei. Das aínda vivas, recollín datos que me serviron para darlle forma a unha historia certa que acabou movendo as conciencias de moitos.
O día 15 de xuño de 1846, produciuse en Muros o axustizamento dun home chamado Ginés Mato. Foi a última persoa á que un xuíz de primeira instancia de Muros, condenou a morte en garrote. A Ginés Mato, de 33 anos, fillo de Pedro Mato, natural de Noia, e de María dá Canle, da parroquia de San Cosme de Outeiro, acusóuselle de ter dado morte a un home na Parroquia natal da súa nai. Tras o xuízo, e despois de haber apelado a Real Audiencia, a sentencia a morte confirmouse.
O uso do garrote xeneralízase ao longo do século XVIII, favorecido pola simplicidade da súa fabricación, que estaba ao alcance de calquera ferreiro. Mediante decreto do 24 de abril de 1832, o rei Fernando VII aboliu a pena de morte en forca e dispuxo que, a partir de entón, se executase a todos os condenados a morte co garrote:
“Deseando conciliar el último e inevitable rigor de la justicia con la humanidad y la decencia en la ejecución de la pena capital, y que el suplicio en que los reos expían sus delitos no les irrogue infamia cuando por ellos no la mereciesen, he querido señalar con este beneficio la gran memoria del feliz cumpleaños de la Reina mi muy amada esposa, y vengo a abolir para siempre en todos mis dominios la pena de muerte por horca; mandando que adelante se ejecute en garrote ordinario la que se imponga a personas de estado llano; en garrote vil la que castigue delitos infamantes sin distinción de clase; y que subsista, según las leyes vigentes, el garrote noble para los que correspondan a la de hijosdalgo”.
Cada tipo de execución levaba aparellada unha escenificación distinta, diferenciándose cada unha principalmente polo modo de conducir o condenado ata o garrote: os condenados a garrote nobre ían en cabalo enselado, os de garrote ordinario ían en macho ou cabalo e os de garrote vil en burro, sentados mirando cara á anca, ou arrastrados.
É a denominación garrote vil a que prevaleceu e hoxe en día adóitase usar este nome para designar tanto o instrumento como a pena de morte que o utiliza. A execución anunciábase cuns tambores co parche frouxo, non tirante, que se chamaban «caixas destemperadas», de onde quedou a expresión. Ginés Mato foi axustizado a garrote, nun taboado que se puxo no campo de San Roque, en lugar perfectamente coñecido, e que non cito nin sitúo, como tampouco citarei outros extremos para non ferir a sensibilidade dos lectores. O corpo do malfadado rapaz estivo exposto ó público dende as 11 da mañá ata as catro da tarde. Antes da execución recibira os sacramentos de penitencia e comuñón. Os irmáns da caridade acompañaron o seu cadáver, que foi soterrado no cemiterio parroquial de Muros, dentro da capela do cemiterio, que fora anteriormente o presbiterio da anterga parroquial de San Pedro.
O VERDUGO VEU DE VALLADOLID
O verdugo é un personaxe tan antigo como a Lei. O que sucede é que, polo seu atavío, carapucha, machado etc.. . adóitaselle identificar moito coa Idade Media. En moitas ocasións o verdugo impúxose para evitar que tras a cacharela, a multitude estendese as muxicas con grave perigo público. E en situacións así encontrouse Luís XI, Carlos El Malo, Pedro I de Castela, Pedro IV de Aragón…. e, se damos un salto no tempo, tamén o tivo que utilizar Isabel de Inglaterra, Pedro el Grande e ata o propio Napoleón.
E se o verdugo fose unha muller? Pois as houbo! En Francia, en tempos de San Luís, para executar outras mulleres e se lle chamaba a «Bourelle».
En España xa se comezou a exonerar de cargas o verdugo en tempos de Juan II quen, en 1.435, ordenou que quen exercera de verdugo estivese exento de toda carga municipal ou real. Mais adiante regúlase con maior precisión o cargo de verdugo. Carlos I ditou unha Ordenanza, en Toledo, en 1.525 e, mais tarde, o seu fillo Felipe II outra en Valladolid, en 1.556, que permitían ao verdugo quedar coas roupas que levaran postas os condenados. O cargo de verdugo estaba mal considerado socialmente. aínda así, transmitíase de pais a fillos. E é curioso que o verdugo Sansón, famoso na Revolución Francesa, que guillotinou a maioría dos condenados, era fillo e neto de verdugos. Pois xa nesa época, escribiu unhas memorias coas súas mellores execucións.
O verdugo que executou a Ginés veu dende Valladolid, e estivo en Muros moito antes da execución. O principio pasou desapercibido, pero cando a xente soubo quen era, o seu paso polas rúas da Vila, os veciños pechaban fiestras e portas. Non lle foi mal o executor, que quedou na Vila e acabou casándose cunha moza e tivo descendencia. Penosa foi a execución e sorprendente o que aconteceu anos despois: un home atormentado polos remordementos confesouse autor do crime que lle atribuíron a Ginés. As xentes da Vila sentíronse culpables do sucedido, e consideraron o axustizado un “santo”, sendo moitas as persoas que durante longos anos, cando pasaban polo lugar onde fora axustizado, facían a sinal da Cruz, e outra moitas acudían a súa tumba a implorar os mais diversos favores.
- Fontes: Arquivo Parroquial de Muros, L.S. 34. Fol 72. vto, depositado no Arquivo Histórico Diocesano, e relatos contrastados con xente maior da Vila.
- Manolo de América