martes. 15.07.2025
El tiempo

Muros acolle o comezo da campaña para a prevención da dor músculo-esquelética no marisqueo a pé

Prevencion mariscadoras Muros Fundamar
Muros acolle o comezo da campaña para a prevención da dor músculo-esquelética no marisqueo a pé

Este luns deu comezo a campaña 2025 de sensibilización e prevención da dor músculo-esquelética no marisqueo a pé, impulsada por FUNDAMAR (Fundación para a Pesca e o Marisqueo) en colaboración co Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) e co financiamento da Xunta de Galicia.

A campaña arrincou cunha xornada de sensibilización celebrada na praia de Anido (Muros), dirixida a profesionais do marisqueo a pé da ría de Muros, xusto antes do inicio da súa xornada laboral. Esta sesión forma parte dun programa integral que ten como obxectivo previr e reducir os trastornos músculo-esqueléticos (TME), doenzas comúns entre as persoas traballadoras do sector debido á exposición continuada a condicións físicas esixentes, posturas forzadas, movementos repetitivos e manipulación de cargas.

O proxecto, iniciado en 2023 e que culminou cun convenio de colaboración con CoFiGa, consolídase en 2025 debido á súa boa acollida e eficacia. Como novidade, porase en marcha unha proba piloto de 8 sesións de exercicios terapéuticos específicos, deseñados para aplicarse antes, durante e despois da actividade laboral, adaptados ás características físicas do marisqueo a pé, e que dará comezo no mes de setembro.

Prevencion mariscadoras Muros Fundamar 2

Prevencion mariscadoras Muros Fundamar 3

Comentarios