‘Muros en Festas’ contará “coa programación máis ambiciosa en moitos anos” para celebrar o Orgullo, San Pedro e San Lois
O Concello de Muros presentou o pasado venres a programación completa de ‘Muros en Festas’, con tres xornadas festivas que se celebrarán os días 28, 29 e 30 de xuño.
“Estas festas nacen coa vontade de ofrecer unha programación moderna, ambiciosa e pensada para todos os públicos, combinando tradición e innovación. Queremos ir máis alá da simple verbena para converter esta cita nun gran acontecemento cultural, social e de lecer que proxecte a mellor imaxe do noso concello”, asegurou na presentación a alcaldesa, María Lago.
A concelleira de Festas, Laura Rivadeneira, destacou pola súa parte que “estou moi ilusionada coa programación que preparamos para Muros en Festas, pensada para que persoas de todas as idades poidan desfrutar e participar”.
“Desde a Concellería de Festas traballamos con dedicación para ofrecer unha celebración que combine tradición, música e convivencia, e confío en que estes días se convirtan nunha oportunidade para compartir, reencontrarnos e vivir xuntos o mellor ambiente festivo”, engade Rivadeneira.
O cartel das festas é de Xaime Beiro, dando continuidade o concello á súa aposta polos artistas e deseñadores vinculados a Muros, poñendo en valor o seu traballo fronte á tendencia de realizar carteis coa IA.
O 28 de xuño, Día do Orgullo, Muros recupera o pregón para as festas da man de Carlos Blanco, actor e monologuista, para dar paso a un Vermú Orgulloso con DJ DavidDeYone e Moira Lutar. Pola tarde, de novo a Festa das Cores, para dar paso pola noite á Paris de Noia.
“Unha data festiva e tamén reivindicativa, a sociedade non poder dar pasos atrás na defensa dos dereitos LGTB”, sostén Maruxa Martínez, concelleira de Igualdade.
O día 29, San Pedro, haberá a tradicional procesión, misa cantada, sesión vermú e fogos de artificio. Xa pola noite, a Orquestra Panorama.
O día 30, San Lois, a música será protagonista con Nelson Quintero (As nosas música de aquí), e un fin de festa con xmaseda65 e 9Louro.

Participaron tamén na presentación do programa a concelleira de Cultura, Caridad González, que recomendou “o concerto de Nelson Quintero”; a concelleira de Seguridade Cidadán, Sandra Maneiro, que agradeceu “o traballo da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e GES para que as festas transcurran con normalidade”, e o concelleiro de Deportes, Damián Torea.