Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Muros recupera o seu patrimonio sacro

Muros recupera o seu patrimonio sacro

O pasado día 29 de xuño, festa de San Pedro, patrón de Muros, despois da celebración da Misa Solemne presidida polo Arcebispo de Santiago don Julián Barrio Barrio, deuse paso á inauguración da Exposición Permanente de Arte Sacro da excolexiata de Muros, na Igrexa parroquial de San Pedro.

Esta exposición sería de por siunha boa nova, pero máis se se completa cunha batería de ideas e medidas que conforman un proxecto moi amplo ó que se deu en chamar: "Proxecto de Recuperación, Conservación e Posta en Valor do Patrimonio Sacro de Muros".

Un mar de historia

O feito de que a igrexa parroquial de Muros fose máis de tres séculos colexiata, por bula do Papa Alejandro VI no 1500, fai que conte cun amplo patrimonio relixioso de bens mobles. Hai aproximadamente tres anos que por parte do párroco muradán, Alfonso Mera, e de varios colaboradores hai un grande interese en que este patrimonio non só non se perda, senón que se conserve en boas condicións e se poña en valor, é dicir, se restaure nos casos necesarios, se catalogue e se difunda a través da súa exposición ou publicación.

Ao servizo do turismo

A día de hoxe a igrexa parroquial de San Pedro é o edificio máis visitado no concello de Muros. É un reclamo turístico indiscutible que beneficia á parroquia e a toda a vila. É un edificio que xunto co resto de capelas da parroquia constitúe un conxunto relixioso e cultural que non se repite no entorno máis cercano. O aproveitamento destes recursos repercute positivamente en Muros, non só a nivel relixioso, cultural e patrimonial senón tamén económico e social.

Completo proxecto

Como se dixo na presentación da inauguración, este proxecto é algo moi complicado de materializar. Implica accións de diversa índole e unha alta inversión económica. O fin máis inmediato que se busca é que non se perda un patrimonio que é de todos, tanto o que se encontra nas dependencias parroquiais como nas casas particulares, e que a conservación e a exposición deste patrimonio sexa un ben tanto para a parroquia como para toda a Vila.

Esta exposición é o primero paso dentro dun proxecto máis amplo de recuperación, restauración e conservación do Patrimonio Sacro da parroquia. Contémplase a recuperación de distintas capelas e igrexas. Unha delas, a antiga parroquial de San Pedro do século X, é testemuña dunha época da que non se ten constancia escrita xa que os primeiros documentos que falan de Muros como Vila datan do século XIII. A recuperación destes inmobles é un fin e ao mesmo tempo un medio para a creación dun roteiro turístico-relixioso, que diversifique e enriqueza a oferta que Muros poda ofrecer a residentes e visitantes.

E unha completa Exposición

Exposición de Arte Sacro na Igrexa Parroquial de San Pedro en Muros

A Exposición Permanente constitúe unha representación dun conxunto maior aínda non exposto.
A orixe dos elementos expostos é diverso. Por un lado, pezas conservadas nas dependencias parroquiais e por outro, en domicilios particulares, ben pola necesidade de evitar a súa perda definitiva (desamortización, saqueos,...) ou ben por ser costume das antigas cofradías a custodia dos diferentes ornamentos pertencentes ao seu titular.

Gracias aos inventarios conservados na parroquia hai constancia de pezas das que actualmente se descoñece o seu paradeiro.

Polo de pronto, a exposición recolle:

  • Ornamentos e xoias de imaxes.
  • Diferentes elementos agrupados en función do calendario litúrxico (Semana Santa, Corpus,...).
  • Ornamentos propios das celebracións litúrxicas.
  • A imaxe de Santa Ana, procedente da Capela de Carme, do século XV.
  • Reproducción da Bula do Papa Alejandro VI do ano 1500, pola que se constitúe en Colexiata a antiga igrexa de Santa María do Campo.
  • Unha pequena imaxe da Virxe das Dores da escola de Ferreiro de finais do século XVIII, donada por un particular.

Horario de visitas

O horario do museo é de 10.30 á 13.00 de luns a sábado, pero éste pode verse modificado por posibles celebracións litúrxicas na colexiata, durante as cales a exposición permanecería pechada. Para grupos pódese concertar cita para outras horas nos teléfonos 678941419-664731996.

Agradecementos

Esta exposición abre as súas portas gracias á colaboración de: Arcebispado de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Concello, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo das Peregrinacións de Santiago, Arrokabe Arquitectos, Reyca, O Canario, O Telar e, das distintas persoas que consolidaron a idea inicial.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios