Muros únese aos concellos Cardi@ngel de Galicia, formando unha rede de voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar
- Cunha APP poderase avisar a un destes voluntari@s en caso de emerxencia
O Concello de Muros vén de adherirse aos concellos Cardi@ngel, un proxecto pioneiro para tecer unha rede de voluntarios capacitados en facer reanimación cardiopulmonar (RCP). Co lema “as túas mans poden salvar unha vida”, a rede trata de formar persoas que saiban realizar unha RCP, e que poderían ser convocados en caso de emerxencia a través dunha APP.
A primeira xornada será o sábado, 29 de novembro, na que toda a veciñanza de Muros está convidada a unha sesión de formación gratuíta para aprender a facer unha RCP (Reanimación Cardiopulmonar). Será na Escola de San Xosé (11:00 a 13:00 horas) e alí recibirán ademais información sobre esta nova iniciativa.
Mentres, os veciños e veciñas de Muros poden xa descargarse a APP en www.cardioangel.es. A través da aplicación, os usuarios Cardi@, que serán aqueles que necesiten axuda urxente, poden lanzar unha petición de auxilio cun só click no seu smartphone.
Esa petición chégalles aos usuarios @ngel, que reciben a alarma e a través do xeolocalizador saben quen a envía e onde está exactamente.
“Os primeiros minutos son fundamentais para salvar unha vida”, asegura Sandra Maneiro, concelleira de Seguridade Cidadán de Muros, que destaca a importancia desta iniciativa, “a mellor maneira de poder axudar en caso dunha emerxencia á xente coa que convivimos na casa, no traballo, en asociacións, etc”.
Na mesma liña fala a alcaldesa, María Lago, que amosa ademais a súa confianza “en que Cardi@ngel sexa un éxito en Muros”, manifestando a súa satisfacción “por formar parte como concello dun proxecto que combina prevención, formación e solidariedade”.
A startup Cardi@ngel foi premiada recentemente pola súa innovación social en saúde nos premios nacionais ‘DKV Impacta’.


