Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O teatro consolídase como o dinamizador cultural da Costa da Morte

O teatro consolídase como o dinamizador cultural da Costa da Morte
auditorio-casa-cultura-vimianzo Durante o outono, o concello de Vimianzo ofrece unha programación cultural para adultos na noite dos sábados Chega outubro, e o teatro convírtense no protagonista da #axenda da Costa da Morte. Todo grazas a eses silenciosos concelleiros e técnicos de Cultura que traballan arreo durante meses para que as mellores compañías do panorama galego suban aos seus escenarios e, tamén, co propósito de que a cultura teña o seu merecido oco dentro dunha sociedade tan materialista. Falamos con algunhas das persoas que están detrás da Mostra de Teatro de Ponteceso (que leva 23 anos en activo), coa programación cultural de outono de Vimianzo (que é xa un referente na noite dos sábados do outono) e do programa de teatro e cine de Muros.  Tan só un pequeno exemplo da rica e ampla programación cultural que atopamos calquera fin de semana na Costa da Morte. Espectadores Cada sábado de outono, unha media de 120 espectadores acuden a ver o espectáculo que toca dentro da programación de adultos de Vimianzo que se desenvolve na casa da Cultura. "O público ten preferenza pola comedia", sinala Marta Rey, concelleira de Cultura de Vimianzo e unha das principais responsables da posta en marcha deste ambicioso programa. Unha cifra similar acádana en Muros, onde rexistran unha media de 112 persoas por espectáculo o que, segundo sinala María Dolores Santos -  técnica de Cultura e Educación - , "supón o 70% da ocupación da sala". O lugar para os espectáculos é o centro cultural de Muros.  Tamén en Ponteceso, todos os sábados de novembro, ten lugar o Ciclo de Teatro de Ponteceso para público adulto que xa vai pola súa 24 edición. María Luisa - Meli - Amado, técnico de Cultura de Ponteceso, asegura que cada espectáculo consigue reunir entre 100 e 150 espectadores, cifra que depende en parte da compañía que actúe. Segundo Meli Amado, unha das que maior poder de atracción ten en Ponteceso é Talía Teatro. O lugar elixido para a mostra é o salón de actos do edificio das Escolas. A comedia é o xénero preferido polos espectadores da Costa da Morte. E incluso se ve un cambio de tendencia nos gustos da xente xa que tal e como indica Marta Rey, concelleira en Vimianzo, os monólogos están moi en auxe e acaparan máis público que o teatro, sobre todo se o monologuista sae na televisión. "Agora mesmo en Galicia Touriñán é o artista que enche máis auditorios, por riba de Carlos Blanco, froito do seu éxito televisivo". A gran cantidade de oferta e o alto nivel dos programas, fan que o público sexa cada vez máis selectivo. "Coñecen o prestixio da compañía, se ten nome, se ten premios, se o reparto é coñecido, etc", di Marta Rey, de Vimianzo. "O que vende sempre é o que sae na telesión, os actores e actrices que saen na televisión atraen máis público tamén ao teatro que aqueles que levan moitos anos sobre as táboas do escenario", indica a concelleira de Cultura de Vimianzo. Unha programación contínua O FIOT de Carballo, os ciclos de Teatro de Ponteceso e de Malpica, a programación de outono para adultos en Vimianzo - entre outros - son carteis que teñen o seu recoñemento dentro da axenda cultural da Costa da Morte. Mais, calquera dos seus organizadores, coinciden en sinalar que os "comezos son sempre difíciles". Ter unha programación fixa fai que se cree un hábito no público o cal axuda a consolidar o evento. Para Marta Rey  "crear o hábito no espectador fai que a promoción do evento sexa máis doada, o público é o que se interesa polo comezo e polas compañías que van vir, incluso fan suxerencias, etc.; pero tamén esixe por parte do concello manter o nivel, ou subilo de ser posible, non se pode pensar que xa está o traballo feito só con ter o hábito creado no público". Para María Dolores Santos, técnico de cultura de Muros, a programación cultural estable axuda na procura dunha vida saudable da poboación " xa que favorece que as persoas saian, se relacionen e estean máis integradas e activas", indica. Por iso considera que a regularidade na programación é moi importante para que o consumo de produtos culturais sexa un hábito entre os veciños e veciñas. En Ponteceso, o ciclo de Teatro é unha das prioridades da área de Cultura, sinala a técnico Meli Amado. "Unha, porque leva 24 anos en activo sendo así o segundo máis antigo despois do FIOT de Carballo, que vén de pechar a súa 26 edición. E outra, porque non hai moitas actividades dirixidas unicamente ao público adulto", di a técnico de Ponteceso. Pese as dificultades que se atopan á hora de programar, todos os organizadores fan unha boa lectura do seu programa. "Encher un auditorio é moi difícil, 400 butacas son moitas, pero manter unha media de 120 espectadores que repiten, na súa maioría, cada semana é para un concello coma Vimianzo unha boa noticia", sinala Marta Rey. Mentras, Meli Amado de Ponteceso di que "para un concello con pouco máis de 5.000 habitantes ter unha programación cultural con 24 anos ás costas di moito". Novas relacionadas Fonte

Comentarios