Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Diversidade achegouse á escola de Muxía

A Diversidade achegouse á escola de Muxía
Aprendendo as dificultades da diversidade na Escola

Volveu Íntegro ao cole, como xa fixera o ano pasado en Baio. Este curso, a área de participación e sensibilización da Asociación cabanesa, escolleu o IES Ramón Caamaño de Muxía para comezar coas intervencións que pretenden achegar a diversidade á escola.

A proposta é clara: contribuir a normalizar a presenza das persoas con diversidade funcional a unha idade máis temperá contribuíndo así a mellora da súa inclusión social. Romper cos mitos e estigmas que historicamente acompañan á diversidade funcional e normalizando a súa participación na comunidade.

Foron dúas partes nas que se desenvolveron as actividades. Arrincouse ca parte teórica na que se informou sobre a misión, visión e valores da entidade, e durante a que tamén se falou de terminoloxía non discriminatoria, dereitos, voluntariado e da convención da ONU sobre as persoas con diversidade funcional, entre outros temas.

Interesantísimo o exercicio de realizar o percorrido dende o centro de ensino ata o pavillón utilizando cadeiras, actividade na que puideron vivir en primeira persoa as dificultades de acceso ós edificios que non son accesibles.

Integro xogando ao baloncesto na escola

Unha vez no pavillón, un grupo intentou encestar algunhas canastas dende as cadeiras, comprobando en primeira persoa o complicado que é o tema, e outro grupo probou a handbike do deportista dumbriés Manuel Caramés Canosa.

Probando a handbike de Manuel Caramés Canosa

Así de xeito lúdico introduxeron ó grupo na práctica do deporte adaptado para acabar a intervención cun momento de reflexión sobre as actividades que, se ben foron practicadas nun contexto lúdico, reflicten as dificultades que a cotío se encontran as persoas con diversidade funcional, ás cales manteñen unha loita constante para defender os seus dereitos, reclamar a accesibilidade universal e poder acceder a todos recursos que como cidadáns dunha comunidade están á nosa disposición.
Esa loita vai más alá das barreiras arquitectónicas que con bo facer se poden eliminar, é unha loita contra as barreiras que non sen ven, as que estigmatizan a un colectivo por funcionar de xeito diferente ó que se considera normal, é esa loita por poñer en valor a diversidade humana a que tratamos de facer ver nas intervencións na escola e así poñer o noso grao de area no cambio cara unha sociedade inclusiva.

Por máis centros de ensino

Estas accións que comezaron onte en Muxía co alumnado de 4º da ESO e de PCPI, volveranse a repetir nas escolas de Vilarmide e Muiños co alumnado do 1º ciclo de primaria e continuarase durante os meses de abril, maio e xuño nos centros educativos dos concellos de Zas, Malpica, Camariñas, Cabana de Bergantiños e Carballo en diferentes ciclos formativos dende educación infantil ata 4º da ESO, con actividades adaptadas a cada ciclo que inclúen sesións de conta contos para infantil e 1º ciclo de primaria e sesións informativas nas que aproximarse a diversidade funcional e ó deporte adaptado para o alumnado da ESO.

Novas relacionads

Fonte

  • Información e fotos achegadas por Íntegro.

Comentarios