A actitude do alcalde volve a tensionar o último pleno de Muxía
Volviuse a repetir. O pasado martes a corporación municipal de Muxía reuniuse nun Pleno Extraordinario - que se pode ver aquí - para o reparto do POS+ Adicional e rematou co abandono da oposición debido á "actitude despótica e irrespetuosa do Sr. Alcalde - Iago Toba - coa voceira do BNG, a quen non lle permitiu facer uso do seu turno de palabra, e mesmo a chegou a calificar de mentireira, sinala o grupo IxM nun comunidado de prensa.
Os tres grupos políticos da oposición - PP de Muxía, IxMuxía e BNG de Muxía - enviaron un comunicado de prensa conxunto mostrando o seu malestar polo destino dos fondos do POS+ Adicional. Nel indican que "o rexedor de Muxía negouse, o pasado febreiro, a negociar o POS, a pesar de anunciar nos medios que presentaría un proxecto consensuado. Finalmente a proposta emendada do POS foi aprobada por BNG, IxM e PP, co voto en contra do PSdG, xa que pretendía destinar case 300.000 euros a gastos correntes retrasando a execución de proxectos urxentes. Segundo eles, para poder licitar o SAF. Daquela asignamos 90.000 euros do POS a gasto corrente e en marzo aprobámoslle ao goberno dispor de case 300.000 € do remanente para a licitación urxente deste servizo. Meses despois, segue sen licitarse".
A oposición denuncia que a xestión do goberno municipal incumpre as recomendacións de prudencia e control no gasto e que non se procede á licitacións de servizos (recomendación na que a interventora insiste repetidamente nos seus informes con reparos suspensivos); tamén que se estaban a dilapidar fondos municipais pagando 65.000 euros nun mes por encher un depósito sen reparar previamente a traída ou abonando 16.000 euros ao mes a unha empresa externa por recoller o lixo mentres os camións municipais seguen inmobilizados sen prestar o servizo.
Segundo sinalan no escrito, a oposición indica que o POS Adicional da Deputación da Coruña asignou o pasado xuño uns 500.000 euros máis ao concello. "Neste POS Adicional van dúas iniciativas que xa foran aprobadas por BNG, IxM e PP no POS de febreiro: a pista polideportiva de Quintáns e o arranxo da estrada de Cebráns. Porén, a meirande parte dos cartos recibidos terán que destinarse ao pago de gastos correntes, xa que, segundo informou a intervención, a partida correspondente está esgotada - ao parecer quedan uns 9.000 euros - e as facturas suman uns 400.000 euros.
Os portavoces de Pp e IxM expuxeron nas súas intervencións que, aínda que eran conscientes de que, dada a situación, non quedaba máis opción que destinar os cartos do POS a pagar os dispendios do goberno, esta forma de xestionar non é sostible e compromete inversións e a viabilidade económica do concello, mentres seguen sen presentar os orzamentos.
"Eu son o que digo aquí que é orde do día"
Cando a portavoz do BNG iniciou a súa quenda de palabra expoñendo a postura do seu grupo, o alcalde comezou a interromper de forma continuada e a dicir “Mercé Barrientos, vostede anda saltando polos zarzales”, que “vostede atenta contra os menores”, que “Mercé Barrientos é unha mintireira” de xeito reiterado sen permitir a intervención da concelleira, quen solicitou que constaran en acta as interrupcións constantes e pediu que se respectase a orde do día. O alcalde chegou a afirmar que “eu son o que digo aquí que é orde do día” e, segundo indica a oposición, seguiu coa súa actitude delirante, polo que a concelleira abandonou o pleno seguida dos membros de IxM e PP.