Denuncian as constantes, e caras, fugas da rede de abastecemento de Muxía
O BNG de Muxía denunciou fugas na rede de auga no municipio e facturas de camións cisterna para o depósito de Prado que supoñen “un alto custo para a veciñanza”, sinalando que hai facturas do verán de 2023 que ascenden a 180.000 euros, e que este ano o gasto suporá 65.000 euros para as arcas municipais.
Os nacionalistas subliñaron que habitantes da zona advertiron á portavoz do BNG, Mercé Barrientos, de que “o tránsito de camións de auga que vertían no depósito de Prado foi continuo durante todo o verán, con descargas diarias, mais unha vez que entraba a auga no depósito, volvía baleirarse inmediatamente, o que podería deberse a que houbera fugas na traída”.
Desde o BNG criticaron “a actitude irresponsable e o desleixo do goberno municipal ante a falta de mantemento das infraestruturas das traídas, que compromete a dispoñibilidade deste recurso imprescindible”, e apuntaron que na praia dos Muíños “houbo desde hai meses un auténtico ‘surtidor’, debido a unha fuga de auga das conducións que van ás duchas”. A situación repetiuse no lugar de Ozón, á beira mesmo da estrada.
A voceira do BNG Muxián, Mercé Barrientos, manifestou que “é abraiante o desinterese do goberno municipal durante os últimos meses en adoptar medidas para evitar perdas de auga”, e ve “lamentable” que tivera que pasar máis dun ano “para que finalmente fixeran caso e buscaran a fuga”. Ademais, lembrou que “cunha xestión no debido tempo, o Concello podería ter aforrado boa parte dos 250.000 € de auga saídos do remanente”.