Xoves. 25.04.2024
El tiempo

EMPRENDER NA COSTA DA MORTE

Unha Arroutada de emprendemento na Milla de Ouro de Muxía

Dimas Bua e Tamara Orizales levan Arroutada en Muxia
Dimas Búa e Tamara Orizales levan Arroutada en Muxia
Unha Arroutada de emprendemento na Milla de Ouro de Muxía

Seguimos percorrendo a Costa da Morte falando e falando con nov@s emprendedor@s, comprobando o complicado que é levantar un proxecto empresarial na Costa da Morte. Afortunadamente hai verdadeiros casos de éxito que merecen a atención e unha boa dose de orgullo costeiro.

Un bonito exemplo témolo en Muxía, onde o relevo xeracional manifestouse nunha fermosa reforma do modelo de negocio. O muxián Dimas Búa, xunto á súa parella, a corcubionesa Tamara Orizales, levan xa ás súas costas o primeiro verán á fronte da tenda Arroutada, collendo o relevo dos pais de Dimas. Unha herencia con sona e emoción, pois a Tenda 100 era o bazar máis mítico de toda a vila da Barca. Á fronte levaban 25 anos Teresa Sar, unha verdadeira auténtica emprendedora no seu tempo, e Ramón Búa, máis coñecido por Leivinha, como gran lenda do Fútbol da Costa. Teresa levantou o negocio e Leivinha aguantouno el só durante últimos 5 anos.

As historias e as oportunidades pasan ás veces unha vez na vida, e Dimas e Tamara tivérono claro. Ramón ía retirarse, así que había que prepararse para volver á casa, despois de máis de 10 anos na Coruña. O coñecido como “Corte Inglés de Muxía” pechou en marzo, e tras dous meses de reformas, o pasado 4 de maio nacía Arroutada, cunha nova imaxe pero mantendo a esencia do bazar, como loce o lema: “Algho de todo”.

Arroutada manten a esencia do bazar de toda a vida da Tenda 100 que rexentaban os pais

De feito, segue sendo ese punto de quiosco, onde comprar algo de roupa, papelería, regalos, un recuncho para o peregrino, e mesmo un espazo para librería, para dar servizo tanto o cliente local como o foráneo, atendendo desde as necesidades da vida cotiá ata os pequenos caprichos como pode ser un souvenir.

O relevo materializouse nun momento tremendamente especial. O propio 4 de maio Dimas e Tamara fixéronlle un fermoso regalo aos pais del, momento no que todos os presentes rompían a chorar da emoción.

Tamara e Dimas entregan un agasallo aos Leivinha e Teresa Bua

Emprendendo

Dimas participou nunha das edicións do proxecto Coworking de Cabana, ese proceso de formación no que máis dunha vintena de emprendores apuran pasos prácticos para poñer en marcha nos seus negocios.

”Estuven no Coworking o ano pasado, con compañeiros como Fran Gorín, e a verdade é que o máis importante que saquei foron os contactos”, explica Dimas. “Por exemplo, o meu titor, que ten unha marca de xeados en Carballo, axudoume a facer a creación da marca, e del saquei o contacto do deseñador que fixo toda a reforma”.

Do curso sácanse outras cousas importantes, como “aprender a pedir e manexarse coas subvencións”, recoñece.

Como é ese momento no que te decides a emprender?

”Foron varios os puntos que nos fixeron tomar a decisión de volver a casa e emprender”, explica. “Por un lado, meis pais tiñan o bazar, O Corte Inglés de Muxía, que era unha tenda de dar servizo, porque a día de hoxe non hai zapatería, tenda de roupa, non hai librería… Estaban retirándose e era unha oportunidade. Podía deixar morrer isto, pero é un barco que pasa e se cadra dentro de 3 anos arrepentíamosnos”, explica Dimas.

”Por outro lado estaba o tema laboral. Tamara quedou sen traballo, e eu estaba ata o gorro, levaba 5 anos en R e cobrando 800€. Fas unha carreira e ao final cobras o mesmo que o que acaba de saír da ESO e só sabe darlle ao botón. E veo como os compañeiros da miña promoción estaban igual, ou cobrando unha merda ou pedindo aos papas que lles paguen un master…”

A todo isto hai que sumarlle a previsión familiar. “Ademais, cando pensamos en ter fillos, sempre pensas en volver a casa, porque ter fillos en Muxía ou Corcubión é moito máis fermoso. Agora nós temos os avós aquí e Tamara ten a familia a 20 minutos en Corcubión”, explica.

E aínda que queda un factor determinante na decisión: “Non somos tontos, e vemos que Muxía está en auxe. Para o ano abre Parador, o Xacobeo para dentro de dous, o Camiño que segue medrando, o Camiño dos Faros… E se quedas e gastas, o pueblo medra”, sentenza.

Como está sendo o comezo nesta vida de autónomos? É emprender tan bonito como o pinta a administración?

”A verdade é que o deixaron ben preparado os meus pais. Pero non vexo moitos casos que sexa de emprender dende cero, a non ser de hostalería”, apunta Búa. “E non, non é todo jauja. É bonito emprender, e hai algunha axuda, pero hai que ter unha base, porque se cartos, olvídate, porque de subvencións non se pode vivir. Se nos dan algo, aplaudo coas orellas, pero pensando no futuro porque os cartos hai sempre que poñelos por diante. Nós afortunadamente non tivemos que pelexar cos bancos, aínda que vin como o facía miña nai, pero é certo que eran outros tempos”.

“La milla de oro”

Foi un inverno e unha primavera de reformas na vila da Barca, demostrando que están chegando cartos nos últimos anos. Primeiro foi A de Álvaro, cunha explosiva e chamativa reforma do seu restaurante. Pronto fixo o mesmo Papi co Wimpe (agora Praia das lanchas), A Furna, ou a decidida aposta do grupo As Baleas por instalarse en Muxía. Tamén o bazar sufríu unha boa reforma facendo que agora se coñeza a Marina como “A Milla de Oro”, onde os alugueres se cotizan á alza.

Pero é que por aí hai que pasar si o si, e eles mesmos recoñecen que cada vez hai máis e máis xentes. “Durante o mes de agosto hai moitos turistas dos que veñen todos os anos, e outros de paso, pero é que dende marzo ata xullo hai moitísmos peregrinos”, recoñece Dimas.

Tenda Arroutada de Muxia-Algho de todo

Novas emprendendoras

Comentarios