Domingo. 16.02.2020
El tiempo

A Asociación Xuvenil Comarea e Mar de Fábula organizan unha limpeza no Coído de Touriñán

A recollida será o vindeiro domingo 2 de febreiro.
A recollida será o vindeiro domingo 2 de febreiro.
A Asociación Xuvenil Comarea e Mar de Fábula organizan unha limpeza no Coído de Touriñán

Por quinto ano consecutivo, Mar de Fábula, indo da man nesta ocasión da Asociación Xuvenil Comarea de Muxía, quere volver de novo ao Coído de Touriñán para apañar a colleita de lixo mariño que o mar devólvenos cada inverno neste desolado recuncho da Costa da Morte.

Deste xeito, Comarea e Mar de Fábula facen un chamamento conxunto aos veciños de Muxía e a todos os voluntarios dispostos a botar unha man para limpar este máxico lugar e devolverlle a súa beleza natural.

Unha vez feito o traballo de limpeza, algúns dos voluntarios oficiarán un ritual de reconciliación co mar neste cáliz de desolación que é o coído de Touriñán.   

Segundo apuntan dende a asociación, "nesta boleira remota, aberta aos poderosos ventos do sudoeste, as ondas do mar achéganse a nós, en precisas convulsións, dende miles de séculos de distancia,  demandando a nosa atención". Queren facerlle caso, e para iso, falarán co mar en diferentes maneiras,ben por medio da poesía, ou da música ou dunha simple mensaxe escrita.

Logo, ao remate de todo, para os que queiran participar no picnic de confraternidade que celebran sempre despois desta limpeza, dende a asociación piden que leven bebidas e provisións de boca.

Día da limpeza : Domingo, 2 de febreiro .

Hora e lugar de reunión:  Ás 11:30 horas directamente no coído para quen saiba da súa situación e, os que non,  no faro de Touriñán.

A organización levará sacos e luvas ainda que recomendan que cada un leve as súas propias.

Para esta acción ambiental contarán, coma sempre, co soporte loxístico do concello de Muxía.

comentarios