Aurelio González Fernández recibe o Premio María Amelia 2012
Un dos maiores máis relevantes dos últimos anos ten nome composto. Descubríamos a María Amelia aló polo 2007. Recén nado este diario foi unha das nosas primeiras entrevistas, e dende logo, e tras 5 anos, unha das máis emotivas. Tivo durante varios anos o mundo enteiro aos seus pés a través da rede, i é que manter un blog, coa inestimable axuda dun neto heroe, aos 95 anos, non é pouca cousa.
Na súa honra, o Concello de Muxía artella anualmente un simbólico premio homenaxe á difunta blogueira.
No 2010 foi Xan Fernández Carrera o galardoado, e no 2011 o Concello quixo premiar a todo un colectivo de persoas que manteñen vivos os secadoiros de congro.
Un premio con sabor a fútbol da Costa
Este ano 2012 Concello de Muxía fará entrega do Premio María Amelia 2012 a D. Aurelio González Fernández. O acto terá lugar o vindeiro sábado, 25 de agosto ás 12:00h, trala reunión que o alcalde vén de manter co galardoado para comunicarlle a decisión do xurado e darlle os seus parabéns.
Aurelio González Fernández é unha persoa moi querida en Muxía por todo o traballo que fixo como presidente do Real Club de Fútbol Muxía, fundado no ano 1964, e o enorme e desinteresado esforzo que fixo para que os mozos de Muxía puideran participar neste deporte en tempos moi difíciles.
Este clube de fútbol fúndase no ano 1964, con Aurelio como presidente. O primeiro campo que tivo foi o BEIRAMAR, feito polos socios do clube e outros veciños , trala donación de parcelas por parte de varios deles. Nos anos nos que Aurelio foi presidente, conseguise a Liga da Costa.
Ademais Aurelio é coñecido tamén pola panadería e forno familiar que rexentou, onde as mulleres de Muxía se reunian a preparar os doces típicos das festas.
Así o xurado do Premio María Amelia considerou a D. Aurelio xusto merecedor do premio por promocionar e enriquecer co seu traballo o patrimonio muxián, fomentando a práctica do deporte e valores de solidariedade entre os mozos e demostrando dedicación ao longo dos anos no Muxía F.C. Por enriquecer a memoria histórica do municipio, non só co traballo como presidente do clube de fútbol, senón tamén co seu traballo no forno que contribuiu a socializar a nosa comunidade e a conservar tradicións da nosa cultura gastronómica.
No acto de entrega do Premio estará presente tamén o presidente da Federación Galega de Fútbol, D. José García Liñares.
Os Premios María Amelia convócanse, dende o respecto e agarimo, en lembranza de María Amelia López, muxiá internacional que levou o nome e a historia de Muxía por todo o mundo no seu recoñecido blog sendo unha grande embaixadora do noso municipio e o seu patrimonioNovas relacionadas
- Xan Fernández Carrera galardoado co Premio Maria Amelia 2010.
- 20-05-10: Un ano sen María Amelia.
- 21-05-09: Ata sempre María Amelia.
- 27-03-09: María Amelia descobre o vídeo chat.
- 09-05-08: Entrevsta con María Amelia: " Son socialista desde os 16 anos".
- 19-11-07: María Amelia gaña o premio Bobs ao "Mejor Blog de habla hispana".
- 02-09-07: 1ª entrevista: María Amelia fala por internet.
Fonte
- Concello de Muxía.