Benlloch del Río analiza na Revista Nalgures un pergamiño de Moraime de 1338
Segue analizando José Enrique Benlloch del Río, con absoluto rigor e convicción, documentos históricos arredor do Mosteiro de Moraime. Este comezo de ano, a Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia acaba de publicar o tomo XVIII da Revista Nalgures (distribúese ao longo do último semestre do ano e publícase na rede a comezos do seguinte). E unha das Separatas é precisamente un traballo feito polo historiador muxián sobre o noso mosteiro: A documentación medieval do priorato de Moraime (III): Convenio entre o priorato de Moraime e os veciños do porto de Muxía no ano 1338. Reinado de Alfonso XI.
Neste traballo histórico sobre a vila de Muxía e o mosteiro de Moraime remontámonos ao século XIV para coñecermos un convenio entre ambas partes durante o reinado de Afonso XI. No que é a terceira entrega dunha serie anual en curso o autor muxián de novo colabora coa catedrática da Universidade de Oviedo Mª Josefa Sanz Fuentes, quen nos facilita a lectura deste contrato escrito no galego do ano 1338 a partir do pergameo orixinal.
O pergameo orixinal analizado
Benlloch pola súa parte explica o contexto e debulla o momento histórico local, prestando atención a aspectos como o concello, o porto, os ataques á vila, os alimentos, os nomes propios das persoas intervintes ou a moi importante cuantificación dos tributos, os cales dependendo do caso eran en especie ou en moeda, estando en calquera caso perfectamente tipificados e sendo nitidamente comprensibles para nós no século XXI:
Por exemplo, pagaríase "por cada navío de quila fornido d’ommees et de / redes et d’aparellos de mar en inverno en cada hun anno VI soldos da dita moneda. Et de cada barquo que marear enno dito porto en cada hun anno, tres moravedís de X dinerus [m]oravedí dadita moneda.”
Os monxes de San Xiao e os poboadores do porto estableceron este acordo escrito sobre os dereitos e obrigas que cada parte se comprometía a respectar referentes, entre outras cousas, á renda que os veciños habían de pagar ao mosteiro polos barcos que se amarraran, polas casas que se ergueran e polos fornos que se construíran, asumindo o cenobio a cambio a defensa antre calquera persoa física ou xurídica que tentase exercer sobre os muxiáns outra autoridade ou señorío.
Nas 37 páxinas a investigación pinta un retrato completo da vida nese momento da baixa Idade Media no actual concello muxián e os poderes civil e relixioso en pleno funcionamento e negociación.
Artigos históricos dos Benlloch en QPC
-
Unha viaxe pola historia dos Señoríos de Nemancos con Kike Benlloch.
- Un berro cultural para restaurar os conxuntos de Moraime e San Mariño de Ozón.
NOVA RELACIONADA
-
Agosto 2020: Moraime recupera a vida con Xan Fdez. Carrera e Lulavai.
- Agosto 2020: A veciñanza demostra a súa preocupación pola conservación de Moraime na presentación do libro de Xan Fernández Carrera. E as administracións?.
- Novembro 18: A Xunta volve poñer o foco en Moraime coa restauración do seu mural.
- Novembro 18: Emilio Ramil: “Hai restos suficientes para que se lle dea a Moraime unha valoración patrimonial importante”.
- 2016: Saen a luz os "papeis segredos" gardados no mosteiro de Moraime.
ARTIGOS SOBRE MORAIME
- Manuel Vilar: Moraime. Centro histórico da Costa da Morte.
- Lema Suárez: ”o mellor edificio da Costa da Morte”.