Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O mellor edificio da Costa da Morte

O mellor edificio da Costa da Morte
Porta-Sur-do-Mosteiro-Moraime-Foto-Aritz-Saez

A principios de verán unha casa comercial da zona tivera a feliz idea de convocar un concurso para decidir cales son os 7 mellores edificios da Costa da Morte. Hai onde escoller: os castelos de Vimianzo e de Mens, pazos como as Torres do Allo, de Vilardefrancos ou Trasariz, os faros do cabo Vilán e da punta Nariga, o colexio Fernando Blanco de Lema (Cee)... Ignoro cal foi o resultado do concurso, pero para min o edificio máis importante, tanto desde o punto de vista arquitectónico coma histórico, é a igrexa de desaparecido mosteiro de San Xián de Moraime, que ¡por fin! parece que vai recibir da Xunta de Galicia 90.000 euros para frear os danos nas súas pinturas murais.

Moraime debera ser o sitio emblemático de todas comarcas da Costa da Morte (Bergantiños e Terras de Soneira e Nemancos), como o fora na Idade Media, como o demostran os estudos de historiadores como Xavier Rey ou Víctor Castiñeira. No Berro seco de La Voz do día 21, considerábase, con acerto «la joya de la arquitectura y la historia de la Costa da Morte». No século XII, o mosteiro sufrira ataques de piratas normandos e musulmáns, e nel protexera o poderoso conde Pedro Fróilaz de Traba o seu pupilo Afonso, que logo sería Afonso VII o emperador, rei de Galicia, León e Castela.

A igrexa de San Xián de Moraime é tamén o edificio románico máis importante deste noso territorio occidental. Ten planta basilical con tres ábsidas e tres naves, divididas estas en cinco tramos por medio de piares cruciformes. Tanta a súa porta occidental como a meridional son únicas no románico galego. A primeira con tres columnas a cada lado e dous personaxes en cada unha delas; a segunda cun tímpano esculpido polas dúas caras (no exterior represéntase a Santa Cea, na que só hai oito comensais; no interior, un Agnus Dei). Segundo J.R. Ferrín (1997), a obra de Moraime pertence ó románico galego máis antigo, de mediados do século XII, e nela traballaron mestres e canteiros que antes o fixeran na catedral de Santiago. Pero non só hai románico neste lugar: ademais das pinturas murais do gótico tardío tamén hai no seu subsolo, pedindo unha escavación, unha gran necrópole de orixe romana.

Trátase dun monumento de primeira orde que aínda non se valorou como é debido. Compréndese o poder de atracción do cabo Fisterra ou da Barca de Muxía, pero as guías turísticas deberan prestarlle moita máis atención a Moraime, e a Xunta de Galicia non se debera contentar con esa pequena cantidade anunciada. En Moraime tiñan que deterse as excursións, que non o fan. Noutro país esta igrexa estaría aberta todo o verán para as visitas, cunha persoa ó cargo que podería vender publicacións informativas e mesmo postais do patrón san Xián vestido á moda elegante do século XVIII. Así se financian as parroquias en Europa. Non se entende, tampouco, como o antigo edificio da reitoral, restaurado, permanece fechado. Desde o Seminario de Estudos da Costa da Morte temos organizado Rutas do Románico da Costa da Morte para salientar non só a importancia artística de Moraime, senón tamén doutras igrexas coma Santiago de Mens, Xaviña, Cereixo, Baíñas, Leis ou Sta. María das Areas de Fisterra. Temos un rico patrimonio, pero non damos aproveitado... e seguimos emigrando.

Máis información

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios