Luns. 29.04.2024
El tiempo

Primeiro acordo entre BNG e IxMuxía para paliar a inacción do goberno municipal

Aurelia Picallo-Javier Sar e Merce Barrientos
Aurelia Picallo e Javier Sar de IxMuxía xunto con Merce Barrientos (BNG)
Primeiro acordo entre BNG e IxMuxía para paliar a inacción do goberno municipal

Ante a inacción do equipo de goberno e as demandas veciñais, os grupos de Independentes por Muxía e BNG veñen de tomar a iniciativa e solicitar un pleno extraordinario para que se acometan obras urxentes. Obras como a do corte da estrada de Vilachán que leva máis de tres meses e que xa fora denunciado pola oposición e a veciñanza nos medios. Os grupos lembran que "xa se informara ao alcalde da inminencia do inicio do curso escolar, do perigo que supón que as ambulancias teñan que dar un rodeo para atender calquera emerxencia e que o inicio da tempada do millo ten á veciñanza inqueda porque non saben por que vías van poder acceder ás fincas. Súmase a isto que o acceso cortado é o que empregan moitos visitantes que se dirixen á praia de Nemiña e aos establecementos hostaleiros da zona".

A constatación de que pasado ese prazo non se acometeu ningunha das tarefas precisas para reparala, obrigou a estes grupos municipais da oposición a tomar a iniciativa e solicitar a urxente celebración dun pleno extraordinario no que se sometan a aprobación esta e outras
obras urxentes.

O acordo Bng-IxM permitirá que se acometan, en caso de ser aprobadas, obras de reparación de varias vías de comunicación do concello que se atopan nun estado de total abandono, con baches e fochancas e, nalgún caso, mesmo ausencia de asfalto en tramos do firme.
Tamén se presentan propostas para mellorar servizos como a recollida de lixo.

Con este primeiro acordo entre IxM e Bng, os dous grupos "tratan de paliar a inacción do goberno municipal e obrigalo a resolver demandas veciñais especialmente urxentes ou reparacións que levan tempo sen ser atendidas".

Queda pendente ademais a promesa que fixo o alcalde no último pleno de convocar unha sesión extraordinaria a mediados de agosto para tratar como punto monográfico a continuación do proxecto de traída de auga a Suxo e lugares anexos.

Comentarios