Luns. 29.04.2024
El tiempo

O BNG mantivo encontros sectoriais co turismo e o mar

  • Carballo acolle dous eventos electorais esta semana
Encontro sector turismo BNG Corcubion
Encontro co sector turístico en Corcubión
O BNG mantivo encontros sectoriais co turismo e o mar

Continúa o BNG a súa serie de encontros sectoriais pola comarca no marco desta campaña das Eleccións Autonómicas do 18 de febreiro. Estes dáis mantiveron unha reunión en Muxía co sector do mar e outra en Corcubión co tecido profesional do sector turístico.

Turismo en Corcubión

O Vicepresidente e responsable da área de turismo da Deputación de A Coruña, Xosé Regueria, e o candidato comarcal do BNG ao Parlamento Galego, Oscar Insua, mantiveron un encontro este martes 13 de febreiro no Cárcere Vello de Corcubión con profesionais do turismo e representantes de asociacións do sector da Costa da Morte, e ao que tamén asistiron os alcaldes nacionalistas de Corcubión, Xabier Domínguez, e Mazaricos, Juan José Blanco.

Regueira e Insua presentaron o programa e as propostas do BNG para o sector, facendo fincapé na aposta por un turismo sustentable e de calidade, así como na necesidade de mellorar a mobilidade dentro do territorio e de regular a vivenda turística e o autocaravanismo. Tanto os representantes do BNG como os do sector turístico coincidiron en sinalar que a mobilidade é un dos principais problemas cos que se atopan os visitantes que veñen á Costa da Morte. Neste apartado, tanto Regueira como Insua subliñaron que o programa do BNG aposta por Qpotenciar o transporte público e a mobilidade interna para ser máis competitivos, así como a mellora da conectividade aérea nos aeroportos galegos para facilitar a chegada de visitantes que se desprazan por ese medio”.

Durante a xuntanza, os profesionais do sector afirmaron que hai que crear ferramentas vertebradoras para promocionar a comarca como “un produto conxunto” e remarcaron que debe existir máis unión nese sentido. Insistiron ademais no problema do feísmo existente na zona en diversos elementos como obras, sinais en mal estado, edificios abandonados ou mobiliario danado por vandalismo.

Co mar de Muxía

Encontro sector mar Muxía BNG

Durante a fin de semana, os representantes na lista do BNG da Costa da Morte de cara ás Autonómicas, Oscar Insua e Primitivo Pedrosa, reuníronse este xoves 8 de febreiro cos traballadores do mar de Muxía na Confraría da vila, onde recolleron as demandas e problemas do sector e puxéronse á súa disposición para levar adiante as iniciativas que sexan necesarias.

Coincidiron en sinalar que un dos principais problemas do sector é que a Unión Europea prioriza a pesca industrial fronte á artesanal. Precisamente esta última é a principal fonte de actividade da frota galega en xeral, e a de Muxía en particular.

Así mesmo, os traballadores do mar subliñaron que existe unha mercantilización da pesca, favorecendo o negocio especulativo, e puxeron como exemplo que algúns países dispoñen de máis cota que Galiza nalgunhas especies, para logo vendela e facer negocio. Precisamente os límites de captura foi un dos temas tratados na xuntanza, lembrando a cantidade “ridícula” de 5 kg. por día e barco que vén de establecer o goberno español para o abadexo. Os mariñeiros muxiáns ven “ilóxica” esta cota ao tratarse dun peixe que non escasea no mar. Tanto Oscar Insua como Primitivo Pedrosa explicaron as iniciativas parlamentarias relativas ao sector que o BNG ten presentado nesta última lexislatura, e incidiron en defender que para a pesca haxa un equilibrio entre os criterios ecolóxicos, económicos e sociais. Alén, remarcaron que para revertir os chamados TAC (topes admisibles de captura) fai falta vontade política, e sinalaron que é necesario que Galiza teña máis peso no Estado cunha forza política propia, como o BNG, gobernando na Galiza.

En Carballo

O BNG celebrará este mércores 14 en Carballo o mitin central da campaña na comarca de Bergantiños. Aínda que inicialmente estaba prevista a presenza de Ana Pontón, a candidata á presidencia da Xunta de Galicia non poderá desprazarse ata o concello porque o acto coincidirá, finalmente, co debate organizado pola TVE, un debate a dous porque o candidato do PP, Alfonso Rueda, non estará.

O mitin celebrarase na planta alta do mercado municipal a partir das 20.00 horas, e contará coas intervencións de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Carolina Castiñeiras, candidata número 15 do BNG pola Coruña; Daniel Pérez, número 5, e Mercedes Queixas, número 2.
Ao remate do acto, e ata o comezo do debate en TVE, haberá animación musical e uns petiscos na planta baixa do mercado municipal, onde colocarán unha gran pantalla para ver o debate.

Ao día seguinte, o xoves 15, si estará en Carballo Ana Pontón, que nos acompañará nun percorrido pola feira e no posto informativo do BNG na rúa Coruña a partir das 12.30 horas.

Comentarios