luns. 15.12.2025
El tiempo

Volven pedir medidas urxentes para musealizar o Arquivo de Ramón Caamaño

 

 

Fotos de Ramon Caamano
Fotos recollidas na Casa Museo de Ramón Caamaño
Volven pedir medidas urxentes para musealizar o Arquivo de Ramón Caamaño

Pasan os anos e as promesas de rescatar o Arquivo de Ramón Caamaño esvaecen. Xa vai máis dun ano dende o pasamento de Chete Pose, o xenro e coidador do legado de Caamaño. Chete xa pasou varios lustros pelexando coas administracións, e agora tócalle a Denis Pose, o seu fillo e neto do histórico fotógrafo muxián, finado en 2007, buscar unha saída xusta e digna para este tesouro.

Parte do patrimonio fotográfico (negativos e cámaras) está catalogado grazas ao traballo paciente de Chete, que tivo impreso e identificado máis de 4.000 fotos. Pero o resto segue agardando a que se leve adiante unha iniciativa de recuperación e conservación que, por agora, segue recaendo na familia. Porque o poderoso arquivo segue na casa familiar, fóra do circuíto cultural, e resiste sen apoio público algún. Co paso dos anos, o risco de deterioro e perda dos fondos medra, pois o tempo e a humidade son un risco para a súa conservación. A día de hoxe, boa parte do legado depende dun pequeno deshumidificador.

Quen volve traer o asunto á primeira plana é o BNG de Muxía que o pasado 4 de decembro unha moción urxindo ao concello a preservar os fondos de Ramón Caamaño. Certo é que a vontade do actual grupo de goberno foi dende a súa chegada ao goberno municipal chegar a un acordo coa familia para asumir este legado. 

Catalogación, dixitalización, musealización e BIC

Na súa moción, sinala que "o patrimonio de Caamaño, que permanece almacenado na casa familiar, constitúe un arquivo da memoria visual do noso concello e mesmo do país e ten un valor artístico e de memoria social incuestionable". De feito, dese patrimonio fíxose eco o Parador Costa da Morte, no que se expón unha pequena parte da súa obra. 

Na actualidade a preservación dos fondos de Caamaño está pendente de que se implementen medidas e se leven adiante iniciativas para a catalogación, dixitalización e musealización. “O feito de non acometer medidas para a protección deste patrimonio pode rematar alonxando os fondos de Muxía, o que suporía unha perda incalculable que non deberiamos permitir” explica a portavoz municipal, que pediu en pleno:

  • "Levar a cabo, á maior brevidade, xestións coa familia de Ramón Caamaño e cos departamentos de patrimonio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galiza co obxecto de garantir a conservación dos fondos fotográficos". 
  • "Acollerse ás liñas de subvención de patrimonio da Deputación da Coruña para garantir a conservación dos fondos e evitar o seu deterioro e perda irreversible". 
  • "Que se promova a declaración do Fondo Fotográfico Ramón Caamaño como Ben de Interese Cultural".
  • "Contemplar a curto prazo a obtenciónón de recursos estruturais e económicos para a musealización do patrimonio de Caamaño e a súa integración no circuíto cultural".

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis novas

Comentarios