Luns. 07.10.2024
El tiempo

A Charanga NBA, pregoeiros da Romaría da Virxe da Barca

Desde a organización queren agredecer a implicación deste grupo, que leva 38 anos actuando de xeito ininterrompido na celebración
Presentacion Romaria Barca Muxia 2024
O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca, Ramón Pérez, que estivo acompañada polo alcalde muxián, Iago Toba; o cura párroco, Daniel Turnes, e o presidente da Asociación Cultural Charanga NBA, Julio Pan.
A Charanga NBA, pregoeiros da Romaría da Virxe da Barca

O Santuario da Nosa Señora da Barca de Muxía acolleu onte a presentación das principais novidades da Romaría da Virxe da Barca de Muxía, que se desenvolverá entre os días 12 e 16 de setembro. Esta celebración está declarada como Festa de Interese Turístico Nacional desde 1989.

Na súa intervención, o presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca, Ramón Pérez anunciou que “a Charanga NBA será a encargada de dar o pregón deste ano. É un grupo que sempre se verá no noso cartel. Levan actuando na Romaría da Barca de Muxía durante 38 anos e de xeito ininterrompido, incluso durante a pandemia. Por todo o seu apoio durante estas case catro décadas, queremos que sexa a protagonista nesta edición”, explicou. 
O pregón terá lugar o venres ás 21.00 horas na Praza do Cabo da Vila. Julio Pan puxo de manifesto a “gran honra que é para nós ser pregoeiros desta festa. A Barca de Muxía é unha festa obrigatoria no noso calendario. Empezamos a actuar aquí coa fundación da charanga e xa van alá 38 anos. Sentímonos como en casa”, concluíu.

Pérez salientou as principais actividades que se ofertarán entre este xoves e o próximo luns en Muxía. Entre elas, non faltarán as verbenas nocturnas a cargo de orquestras, a tirada de bombas máis grande de Galicia, a sesión de fogos de artificio do sábado, ou os pasarrúas diarios de diferentes agrupacións. 


Internalizacionalización

Daniel Turnes salientou algunhas das principais novidades aplicadas nesta edición do evento. “Vimos de instalar un cartel de benvida a carón do Santuario en nove idiomas e tamén creamos estampas nestes idiomas, entre os que se atopan inglés, alemán, italiano e chinés”, indicou. 
Para aquelas persoas que non poden achegarse ao Santuario, ofrécese tamén a posibilidade de “seguir os principais oficios a través de streaming. Unha iniciativa que está a rexistrar moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Tamén retransmitiremos a misa de campaña do domingo tras a procesión”, engadiu. 
Coa estrea da réplica en 3D da talla da Virxe da Barca, tamén se habilitou “un novo camerín ao que se pode acceder, de xeito que os fieis poidan achegarse á imaxe da Santa”. Igualmente, estreouse un altar e instalouse un queimadoiro máis grande. 

Ademais, mudouse a data de saída da procesión das antorchas. “Celebrouse o pasado sábado e contou coa asistencia de máis de 600 persoas”, afirmou o párroco. 
Toda a información sobre o programa de actividades -tanto relixiosas como de lecer- pódese atopar na web www.romeriadabarcademuxia.com e nos perfís que a celebración vén de poñer en marcha nas redes sociais Facebook e Instagram (@romeriadabarcamuxia).

Máis novas

Comentarios