En que ano apareceu Muxía, e non Mugía, nos carteis da Romaría da Virxe da Barca?
Son os carteis das nosas festas un patrimonio cultural e etnográfico, contemporáneo, de incalculable valor. E non só pola cantidade (este verán puidemos ter publicado na nosa AxendaCostadaMorte máis dos 200 carteis de festas patronais da zona), senón pola singularidade dunha arte gráfica na que a virxe e o pixel son ás veces protagonistas demais.
A Romaría da Virxe da Barca arrinca este venres 7 de setembro co pregón do presidente da Asoc. de Protección Civil de España. Pero antes queremos facer un repaso por esa exposición que percorre a historia dos carteis da Barca dende 1933. Carteis doados pola familia de Ramón Pérez Cuíñas, que cederon para o disfrute de todo o mundo.
Hai cousas ben singulares que cómpre analizar, como cando foi o primeiro ano en que a Virxe tomou o fondo do cartel. Pois a Virxe xa aparece nos anos 40, pero non estivo sempre, pois durante durante uns anos a virxe deixa paso a unha fermosa vista aérea da punta da Barca. É no 2001 cando a Virxe xa invade todo o cartel.
Outro dato interesante é que Muxía (e non Mugía), comeza a aparecer no 1971, quedando para sempre, excepto algunha excepción.
En 1975 aparecen as primeiras cotes, e en 1999 os carteis xa pasan a ser en tecnicolor.
Dende 2007 o estilo é semellante, tendo este ano a novidade de que en vez dunha foto é unha representación da imaxe da virxe.