Empresarios e administracións afianzan alianzas arredor da CMAT
Segue collendo peso a CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) trala satisfactoria reunión mantida esta semana no Parador de Muxía. Un encontro no que estiveron presentes as administracións locais da Costa da Morte, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os representantes da iniciativa privada vinculada ao eido turístico.
O obxectivo é claro: "traballar coordinada e conxuntamente na promoción turística da Costa da Morte para converter este territorio nun destino de referencia". Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo e presidenta da CMAT, espera repetir esta clase de xuntanzas e deu o protagonismo ás empresas turísticas para “apostar pola potencialidade da zona como xeodestino turístico”. Foi Marta Rodríguez, membro do equipo da Secretaria Técnica da CMAT, quen presentou os obxectivos. “Queremos que a Costa da Morte sexa referente; sexa un exemplo da colaboración de iniciativa pública e privada para impulsar un territorio no eido do turismo”.
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, entidade dependente da Xunta, falou das Oportunidades do Camiño de Fisterra e Muxía e a futura Senda Litoral para Costa da Morte, dando conta o esquecemento das administracións ao Camiño dos Faros.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, afondou en temas patrimoniais e megalíticos. De feito, puxo en valor a aposta provincial polo coidado de elementos como OoParque do Megalitismo, o Proxecto Anllóns, a Reserva Mundial de Surf e os plans para a mellora e mantemento de Dombate, as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo, os Batáns do Mosquetín e o Forno do Forte.
Apostou por “traballar en turismo desde puntos de vista que se centren na xeración de oportunidades laborais no territorio, no retorno económico na poboación local, sempre dende criterios de sustentabilidade firmes e de responsabilidade social”. Neste sentido, avogou por “buscar un modelo turístico que nos permita medrar sen perder a identidade e sen cometer os mesmos erros que se cometeron noutros destinos que, pretendendo medrar rapidamente, se converteron ou se están a converter en destinos fallidos”.
Pola súa banda, Silvia Bouzas, secretaria de APTCM, falou dos Retos e fortalezas do tecido empresarial turístico de Costa da Morte. Non faltou á cita o presente o secretario da CMAT e presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pablo Canosa.
Mónica Rodríguez, Nava Castro, Xosé Regueira e Silvia Bouzas na mesa
O Camiño Continúa’
Tras a intervención dos representantes institucionais, no Parador Costa da Morte de Muxía, proxectouse a reportaxe audiovisual ‘O Camiño Continúa’. Este documental foi grabado no mes de setembro durante o percorrido que fixeron polo Camiño de Fisterra e Muxía e pola Costa da Morte os blogueiros Bo Saldaña, de ElMundoOk; Leticia Pérez, de Trucos viajeros; Eva Abal, de Una idea un viaje; Dani Keral, de Un viaje creativo; e Alberto Ribas, de Alvientooo. Esta reportaxe, que fai fincapé no potencial turístico da zona, e especialmente do Camiño de Fisterra e Muxía, será empregada como reclamo turístico en canles online e proxectarase en feiras de turismo autonómicas, nacionais e internacionais. Tras o seu visionado, os blogueiros participaron nun debate. Todos coincidiron no “potencial” turístico con que conta Costa da Morte.
Tralo discurso de peche da presidenta, os asistentes tiveron tempo para o networking, onde se favoreceu o diálogo e a posta en común de ideas, novos produtos turísticos e alianzas empresariais.