![moraime-igrexa]()
A Xunta destina 50.000 euros a estes traballos de restauración. Imaxe: Crearestaruacion
Un ano máis tarde do previsto, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no
Diario Oficial de Galicia a
formalización do contrato de servizo de restauración das pinturas murais do muro norte da igrexa do mosteiro de san Xiao de Moraime, en Muxía, uns traballos aos que se destinan
50.000 euros. A intervención, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020, ten un prazo de execución de 5 meses.
Os labores que se realizarán consistirán na limpeza da superficie, aplicación de tratamentos contra o biodeterioro, consolidación do soporte e reintegración da policromía. Así mesmo, procederase a retirar morteiros antigos para substituílos por outros novos e realizaranse mapas de estado de conservación das pinturas.
A zona de actuación serán as pinturas que ocupan o muro norte, que
representan os sete pecados capitais a través da personificación do pecados e da representación dos seres demoníacos que instigan os vicios e virtudes e que animan a practicar a penitencia e a oración. Neste momento as pinturas están nun estado de conservación complicado, debido aos problemas de humidade que sufriu o templo.
A igrexa do antigo Mosteiro de San Xiao de Moraime é un dos exemplos senlleiros do románico galego con achegas estilísticas de épocas posteriores de planta basilical e con orixe nun antigo mosteiro da Orde de San Bieito, o valor artístico desta peza fíxoa obxecto de diferentes traballos de restauración desde os anos setenta do século XX, nos que se realizaron obras xeneralizadas de renovación de cuberta, nova pavimentación e outras medidas tendentes á eliminación de humidades no templo; traballos que se retomaron nos últimos anos.
Novas relacionadas
Outros artigos de interese
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Xunta de Galicia.