Luns. 20.05.2019
El tiempo

Limpando o supermercado de lixo plástico de Touriñán

Limpando o supermercado de lixo plástico de Touriñán

Esta fin de semana a entidade Mar de Fábula volveu apelar á conciencia veciñal para participar na 4 Limpeza de lixo mariño no coído de Touriñán. 

Foron 26 os [email protected], acompañados por cinco nenos, e baixo un nordés agresivo e un sol colaborador, os que traballaron arreo durante case dúas horas, para recoller e retirar unha vez máis, a enorme colleita do lixo macroplástico que o mar nos devolve cada inverno, no coído de Touriñán.

Precisamente esta é a característica singular deste coído escollido polo Atlántico como estafeta de entrega de bultos grandes (a diferencia do lixo miúdo que chega ás praias) como un depósito de combustible dunha planeadora (correu tanto que deixouno atrás), unha parede grande de plástico de calquera caseto, deceas de nasas do polvo portuguesas, dúas grandes botas do holandés errante, caixas do peixe, aparellos de pesca enredados, anacos das espumas de poliuretano que o “Eloane” foi ceibando hai máis dun ano.... e, coma sempre, moreas de envases e botellas de plástico máis ou menos degradadas, de todas as orixes. centos de plásticos grandes de toda caste, etc.etc.etc.

Todo un mostrario do gran supermercado do lixo no que temos convertido os océanos.

"Neste limpeza vimos recoller un aviso máis dos moitos que nos está a enviar o mar: Ou reaccionamos ou o proceso de degradación dos océanos será irreversible", valora en frío o convocante Xosé Manuel Barros. 

Xusto amarrando o último dos 45 sacos de 100 litros , o todoterreo con remolque do concello de Muxía fixo, puntual, a súa aparición para levar todo este lixo plástico ao punto limpo.

Ao abrigo dun nordés que non deu acougo, os voluntarios participantes repuxeron forzas, falaron e confraternizaron, contentos pola tarefa realizada.

Comentarios