Mércores. 29.01.2020
El tiempo

O mar rendeu homenaxe aos heroes da Autopista Invisible

Emotiva homenaxe en Muxía aos protagonistas da consecución do Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra
Emotiva homenaxe en Muxía aos protagonistas da consecución do Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra
O mar rendeu homenaxe aos heroes da Autopista Invisible

Emotiva, e sentida, a merecida homenaxe aos protagonistas da consecución do Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra (DST). Aqueles que sós, ante a pasividade de compañeiros do mar e administracións, pelexaron decididos para conseguir afastar grandes mercantes a 20 millas do noso litoral, conseguindo salvar así innumerables vidas nestes 30 anos de Corredor de Fisterra, de “Autopista invisible”.

A AETIPAPE (Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueros) e as Confrarías de Muxía e Fisterra, é dicir, os propios mariñeiros, foron os únicos protagonistas daquela loita pola propia seguridade no mar. E así o o quixeron refrender volvendo a onde todo empezou, "o Km cero desta loita, armando un emotivo acto no Salón do Voluntariado de Muxía.

A frase “Polas vidas que axudastes a salvar” resume moi ben o sentir dese acto. Unha frase que figura nun agasallo entregado a quen fora Secretario Xeral para os Servizos de Transportes do Ministerio de Obras Públicas e Transportes a principios dos anos 90, Manuel Panadero, un dos grandes culpables desta realidade, un dos primeiros en ter a sensibilidade de entender a magnitude da empresa.

Panadero foi o auténtico protagonista do evento, emocionándose varias veces na súa alocución de agradecimiento: “grazas porque poderei explicarlle aos meus fillos que o tempo que non lles dedicaba a eles, estaba ocupado con cousas tan importantes como esta”. Dixo ademais que el pronto comprendeu que máis que de seguridade, ”estabamos falando da vida humana, dos riscos que corren as persoas que se esforzan para que nós poidamos comer peixe na mesa”.

HOmenaxe en Muxia de Aetinape

Ademais do discurso do presidente de AETINAPE, José Manuel Muñiz, tomaron a palabra o Alcalde de Muxía, Iago Toba, o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada e o actual Xefe do Centro de Control de Tráfico e Salvamento Marítimo de Fisterra, Manuel Capeáns, que realizou unha explicación de como funciona, a través dunha conexión en directo na que podían verse o número e a ubicación dos buques que nese momento pasaban fronte á costa.
Losada, pola súa parte, puxo cifras, lembrando que en 2018, o centro de Fisterra de Salvamento Marítmo identificou 36.345 buques en tránsito por este dispositivo, dos que 12.714, case un terzo, transportaban mercancías perigosas, na súa maioría hidrocarburos.

Non faltou Carlos Barrientos, entón Patrón Maior da Cofradía muxián, non familiares dos xa finados patróns fisterráns durante aquela época Manuel Buján e Juan Domínguez. Ademais, o acto estivo cheo de xentes do mar, e foron catro xornalistas (Antón Luaces de Radio Nacional, Xosé Ameixeiras da Voz de Galicia, Xusto López Carril da Radio Galega e Estanislao García de Televisión de Galicia), que no seu momento cubriron as reivindicacións, os que recibiron sendos detalles de agradecemento das entidades organizadoras.

Corredor de Fisterra-Datos-Autopista Invisible-AETINAPE

Merece a pena deixar íntegro o discurso de Muñiz porque exlica como foi aquela loita:

Discurso de José Muñiz, presidente de AETINAP

Queridas amigas, queridos amigos

Antes de nada, moi bos días por vos achegaredes a este acto de xustiza e lembranza. Grazas ás persoas, a todos e cada un de vós, ás Confrarías, ás institucións locais da Costa da Morte, especialmente ao Concello de Muxía pola súa colaboración na organización deste acto, ao pobo de Muxía, á sociedade civil, ao resto das autoridades.

E grazas por aceptar o noso convite aos amigos que contribuiron no seu momento a que o Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra sexa unha realidade.

Este salvavidas, esta autoestrada invisible foi un claro exemplo de como a unión entre as persoas e a constancia nos obxectivos deron lugar a unha vitoria.

Quizás unha das poucas vitorias que se conseguiron desde abaixo, sen que inicialmente a súa reivindicación estivese na axenda de ningún grupo fáctico, de ningunha corporación ou estamento de poder.

Eran tempos duros para a pesca de baixura nesta costa brava, épica e de profunda raigame pesqueira, na que os portos son o corazón das vilas e as familias mariñeiras a alma da paisaxe.

Contábanse por ducias as abordaxes, os grandes mercantes, axudados polos faros de Fisterra, Touriñán ou Vilán, separábanse o xusto para non ir dar coas pedras que alimentan a longa historia de naufraxios deste país, desta costa mítica.

En maio do 91, fomos convocados polas Confrarías de Muxía e Fisterra e os patróns da flota de litoral. Aqui viñemos, a Muxía, o Km cero desta loita. Aquí falamos con eles  e non tardamos en poñernos á faena. Era unha batalla xusta, que pagaba a pena, que tiña un obxectivo claro por enriba de todo o demáis: salvar vidas humanas.

Nada hai máis nobre e profundo na política ou na economía que preservar a vida, a seguridade das persoas, dos traballadores, sobre todo nun medio tan hostil, coma o mar.

Constatamos que non se controlaba o denso tráfico marítimo fronte a Fisterra, que a ninguén lle preocupaba que a nosa xente fose tráxicamente agredida nesa área de violencia marítima que supuña a anarquía na navegación.

Unimos as nosas mans sen perder máis tempo. Analizamos a situación, xuntamos todos os datos que tiñamos, avisamos aos xornalistas, algúns deles tamén aquí presentes, implicamos a toda a xente que puidemos. Case todos responderon. Algúns mirábannos de reollo. Deixámolos na súa liberdade de non participar, pero non fixemos diso un problema. O que non ven sumar, que non veña.

Conformamos así un grupo compacto entre as confrarías de Fisterra e Muxía, patróns da flota de litorial e Aetinape. Mesas de análises, informes, rodas de prensa coa reivindicación esencial: que os grandes barcos  naveguen máis afora, sen interferir nos bancos de pesca.

As primeiras interlocucións co Estado fóron decepcionantes. Algún non entendía, ou non querían entender,o problema, pero axiña apareceu xente sensible e decidida, e permítanme que nomee aquí a don Manuel Panadero, nesa hora Secretario Xeral para os Servicios de Transportes do entón Ministerio de Obras Públicas e Transportes, que encamiñou o problema cara á súa solución.

Ídesme permitir que me deteña un momento nos instantes da aparición en escena deste home que hoxe nos acompaña. Estabamos desesperados de peregrinar polos despachos de Madrid competentes nesta materia. Xa nos dixeran que tecnolóxicamente era imposible controlar todo iso. Xa nos advertiran das presións das grandes navieras e o encarecemento dos costes por ter que facer rutas máis amplas. Xa escoitáramos a cantinela de que a inversión sería inmensa e inabordable.

Cando xa tiñamos todo perdido, porfiamos e intentamos un paso máis. Foi aquí cando apareceu Panadero. Acudimos ao seu despacho pesimistas e case seguros de que a resposta sería a mesma: non se pode.

Pero non. Todo o contrario. Foi unha das reunións máis froitíferas nas que teño estado. Descubrimos unha persoa sensible, que foi quen de entender os problemas dos que lle falamos, que foi quen de entender o valor da vida humana no mar.

Saímos desa reunión cos ánimos recobrados, coa esperanza de ver que algún día os grandes barcos se alonxarían da Costa da Morte. Foi, como dixo un compañeiro noso, o noso Anxo da Garda.

Claro que supuña unha altísima inversión, un sistema de seguridade moi caro. Pero se alguén nesta sala sabe canto costa a vida dunha persoa, dunha soa persoa, que o diga. Panadero entendeuno á primeira, e por iso estamos hoxe aquí con él para llo agradecer.

Os accidentes, cando son evitables coa axuda da tecnoloxía, non son accidentes. Son mortes inducidas pola pasividade ou a corrupción moral.

Desgraciadamente todos e todas temos na cabeza episodios desgraciados.

Ninguén cuestiona os semáforos nos cruces das cidades. Ninguén as torres de control dos aeroportos, ninguén os sistemas de frenados dos trens veloces, ninguén os límites de velocidade dos coches ou os pasos de peóns.

Pois o mar da Costa da Morte non era menos. Precisaba o seu gran dispositivo de seguridade e grazas ao nosos esforzos e especialmente a persoas como Manuel Panadero, que desde as institucións se fixeron eco da nosa mensaxe, foi posible.

E cando xa conseguíramos que o dispositivo se puxera en marcha, aínda tivemos enerxía para outra batalla conxunta. As tarifas do salvamento. É certo que os servizos públicos debemos pagalos entre todos, pero sempre de maneira xusta.

Non resultaba coherente que especialmente este sector da flota tivese que pagar tarifas semellantes ás dos grandes buques, polo que comezamos a loitar por unhas tarifas progresivas e eficaces. E tamén o conseguimos.

Conseguimos sobre todo que salvar un pequeño pesqueiro non fose máis caro que o valor do propio barco, como ás veces acontecía. Conseguimos de novo unhas tarifas xustas e proporcionadas.

Por iso quixemos, cando xa pasaron varias décadas, lembrar estes episodios como parte da nosa historia, da historia do mar de Galicia, da Costa da Morte.

Lembrar esta autoestrada invisible que xurdiu da nosa propia intelixencia, da nosa acción coordenada e eficaz, da nosa tenaz insistencia en non querer resignarnos a seguir perdendo vidas humanas.

E permitídeme tamén lembrar que a nosa Asociación, AETINAPE, sempre tivo o compromiso de ir máis aló do meramente corporativo. Somos un grupo de profesionais marítimos, de navegación, de máquinas navais, de técnicas de pesca. Pero sobre todo, somos persoas preocupadas pola gran familia do mar, por toda a poboación marítima, sexa cal sexa a súa función a bordo.

Por iso hoxe tivemos a iniciativa de nos lembrar de todas as persoas que coa súa propia luz alumearon o noso camiño, persoas que homenaxearemos neste acto de recordo e admiración.

Persoas que moitas delas están aquí, e outras que por desgraza xa non nos acompañan, aínda que sí as súas familias, que terán así un recordo da valentía daqueles homes que puxeron toda a súa forza en facer o ben común, en reivindicar o xusto, en conseguir cousas boas para todas e todos.

Persoas coma os patróns maiores das Confrarías de Fisterra, os finado Manuel Buján e Juan Domínguez e de Muxía, Carlos Barrientos.

Coma os patróns de pesca José Arufe, José Antonio Calo, Faustino Santiago, Antonio Gallego e Alejandro García, que representan aquí a outros moitos que tamén estiveron comprometidos nesta loita.

Persoas coma os Xornalistas Antón Luaces de Radio Nacional, Xosé Ameixeiras da Voz de Galicia, Xusto López Carril da Radio Galega ou Estanislao García da Televisión de Galicia, persoas que se volcaron con este tema e sen os que a presión que exercemos sería sen dúbida menos efectiva.

Persoas coma Vicente Yáñez, pola súa colaboración sempre intensa en materias de formación e seguridade marítima, sen dúbida un dos pilares da nosa Asociación.

E por último, persoas coma Manuel Panadero, hoxe comprometido con actividades profesionais fóra da Administración Pública, pero que no seu momento resultou, como xa teño dito, o peldaño principal para que o Estado tomase en serio a nosa reivindicación e activase o enorme complexo de control do tráfico marítimo en Fisterra.

Todas e todos merecen hoxe a nosa homenaxe. Pero hai persoas que tamén a merecen e non as podemos esquecer. Todos eses homes que caeron durante décadas víctimas dos sinistros marítimos, esas persoas que desgraciadamente acabaron as súas vídas sementando seguridade para as vidas dos demáis, xerme de toda esta historia.

Para eles, por suposto, a nosa mellor lembranza.

Grazas a todas e a todos.

Non vos vou falar do que é o Dispositivo, porque xa o tedes ben explicado na publicación que se vos entregou, xunto con algunhas referencias informativas que naquel momento asomaron aos xornais.

Só quero aproveitar para irvos presentando ás persoas que me acompañan na mesa, que vos van saudar e falar da súa propia relación con aquel momento de boa loita e mellores resultados.

Moitas grazas

&Nbsp;

Novas relacionadas

Comentarios