Venres. 26.04.2024
El tiempo

Muxía celebra a estrea da Asociación de Amigos de Gervasio Sar

Autoretratos de Gervasio Sar
Autoretratos de Gervasio Sar
Muxía celebra a estrea da Asociación de Amigos de Gervasio Sar

Muxía acolle esta fin de semana un evento moi especial. A Asociación de Amigos de Gervasio Sar preséntase oficialmente o próximo sábado 2 de outubro. O acto, aberto ao público, terá lugar no salón de actos do voluntariado da Camposa, ás 19:00 da tarde.

A asociación, presidida por Teresa Sar Vilela, irmá do artista, ten vontade de permanencia no tempo para pór en valor a obra pictórica do que foi veciño de Muxía (1958/2020) ligada á natureza, etnografía e personaxes da Costa da Morte. Por iso, e porque saben do querido que era Gervasio na vila, abrirán un rexistro para asociados, afiliados e para todos aqueles que queiran colaborar coa entidade.

O acto, enmarcado nos acontecementos do Xacobeo 2021-2022, comezará cunha mesa redonda que xirará arredor da vida, obra e ollada de Gervasio, na que participarán amigos íntimos e familiares para indagar na súa condición humana. Tamén se presentará o catálogo “Freud no segredo diván do faro do fin do camiño”, patrocinado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Pero non será a única acción arredor do pintor. De feito, xa o pasado día 1 de agosto comezaban as actividades coa inauguración da exposición principal, comisariada por Mercé Barrientos e Xosé Antón Castro e centrada nunha escolma dos seus autorretratos, símbolo da súa evolución estética e do seu autocoñecemento. Xunto a ela, desenvolvéronse outras actividades complementarias como a exposición de obras do artista nos accesos a albergues, bares e restaurantes de Muxía ou a exhibición de panos de mesa en papel a partir dunha obra de Gervasio, para que os locais de hostalería fixeran uso deles durante os meses da exposición.

Xervasio ás Escolas

A exposición continuará aberta ata o domingo 31 de outubro. O obxectivo fundamental desta prórroga será a divulgación da obra do artista muxián, que xa forma parte do patrimonio cultural da vila, entre os alumnos e alumnas dos centros escolares do concello mediante visitas guiadas e obradoiros.

Os eventos da homenaxe están cordinados e organizados pola Asociación e o Concello en total colaboración coa familia do artista.

Artigos relacionados

Comentarios