O muxián Iker Quintáns Casal, exemplo autonómico de superación
![O muxian Iker Quintáns Casal con Alfonso Rueda](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/12/22/2024122210305551461.jpg)
A comunidade educativa do IES Ramón Caamaño de Muxía sinte un gran orgullo polo seu alumno Iker Quintáns Casal que vén de recibir o Premio da ESO ao esforzo e á superación persoal, convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Este galardón recoñece o traballo constante e o esforzo diario que o alumno demostrou ao longo de toda a súa etapa na ESO, durante a cal manifestou un alto nivel de resiliencia e superación, a pesar das súas circunstancias persoais e individuais. No centro, sempre se caracterizou por un carácter afable, empático e conciliador, sendo moi apreciado tanto polos seus compañeiros/as como polo profesorado.
Malia as dificultades que a súa situación requiría, o alumno amosou unha enorme capacidade para afrontar as actividades diarias do instituto, destacándose pola súa fortaleza e superación, e converténdose nun exemplo a seguir por todas as persoas que formamos parte da comunidade educativa.
Desde o centro desexan que o alumno acade os soños e as metas que se propoña, pero sobre todo que siga sendo a persoa marabillosa que é.