A Onda de Nemiña, a nova cita que marida surf, música e gastronomía

A Onda de Nemiña é un dos eventos dentro da programación de Muxía Itinerante. E terá lugar o próximo xoves 31 de xullo na praia muxiá, maridando surf, música e gastronomía.
Esta será a primeira edición dun evento que espera converterse en recurrente na praia, un dos destinos preferidos polos amantes do surf na Costa da Morte. Dende pola mañá haberá clases gratuítas de surf, un concurso de figuras de area, un campeonato para non surfistas, un vermú conxunto na praia, concertos e moitos premios.
A Onda de Nemiña desenvolverase en dúas localizacións da propia praia: as actividades do día serán na zona da Pasarela, e os concertos da noite na contorna do Saburil. Para participar nas actividades da Onda de Nemiña é necesario inscribirse no correo muxiacultural@gmail.com, chamando ao número 981 74 25 63, ou de forma presencial na Biblioteca de Muxía.
Este será un dos principais eventos dentro da programación de Muxía Itinerante xunto ao Feirón de Senande, que se celebrará o vindeiro 4 de agosto cunha aposta renovada, con máis postos e música.
Programación da Onda de Nemiña
A programación comezará ás 12:00 horas co inicio do Concurso de figuras de area. Poderán participar grupos de máximo 4 persoas, e o premio será unha clase grupal de surf. Os grupos terán ata as 18:00 horas para completar ás súas obras.
Pola mañá tamén haberá dúas clases gratuítas de surf, ás 12:00 e ás 13:00 horas. Poderán participar adultos e nenos e nenas maiores de 8 anos.
Ao medio día haberá un vermú musical. Polo que dende a organización convidamos a que cada persoa traia a súa comida para compartir un bonito xantar conxunto na praia.
A xornada da tarde comezará ás 16:30 horas cunha Charla sobre o mar. E ás 18:15 horas dará comezo o Campeonato de surf para non surfistas. O obxectivo é pasalo ben, polo que animamos aos participantes a vir vestidos de forma divertida. Haberá un neopreno de premio para o mellor show.
Finalmente á noite haberá triple sesión de concertos con Family Folks, Los Lunes al Sol e Rubén PB.
Máis novas