O pararraios do Santuario da Barca leva dous meses esfolado
Xa vai para dous meses dende que o pararraios do Santuario da Virxe da Barca sucumbiu a un día de vento. Os veciños da zona decatáronse hai tempo, e esperan non ter que relembrar aquel tráxico incendio, provocado por un raio, do 25 de decembro de 2013.
O cura muxián, Manuel Liñeiro, hai tempo que se puxo en contacto co Arzebispado de Santiago, e de feito, hai unhas semanas que o responsable de obras se achegou por Muxía. Non entenden na vila da Barca como tardan tanto, tendo en conta ademais que existe un seguro por parte da casa construtora de 10 anos, e que mesmo o Arzebispado dispón dun fondo para estes menesteres.
En calquera caso, o párroco, que esta semana visitará Santiago para ver se consegue avanzar a reparación, lamenta a mala calidade dos materiais empregados na reconstrucións. “Xa estamos acostumados porque todos os anos pasan”, recoñece o párroco, que lembra que tamén “faltan unhas tellas do cumio, que voa todos os anos cos temporais, por non ter feito ben a obra”. Apunta tamén outra deficiencia: “a pizarra coa salitre é un campo de patinaxe, e con este tempo que levamos é un perigo”, en alusión ao chan.
"A voltas co retablo"
Mentres, LIñeiro lembra que continúan “a voltas co retablo”, ese que tanta polémica provocou en 2015. Sinala que hai varios proxectos, enriba da mesa, que el presentou un pero que non sabe se van escoller ese ou van facer “unha cousa nova”. “Hai uns meses dixéronme que nun ano o facían”, asegura.
Apunta tamén a necesidade de tratar as humidades, pero recoñece que o verán non é o mellor momento para ter pechado o santuario.
Novas relacionadas
- Marzo 2015: Os veciños abuchean a rehabilitación do Santuario de la Virgen de la Barca.
- Lema Suárez (Decembro 2013): Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía.
- 27-12-13: Da repercusión do incendio do Santuario da Virxe da Barca.
- 25-12-13: Un raio incendia o Santuario da Virxe da Barca por Nadal.