Venres. 26.04.2024
El tiempo

Rematadas as obras de acondicionamento dos accesos da praia de Nemiña e do paseo da Grixa

Rematadas as obras de acondicionamento dos accesos da praia de Nemiña e do paseo da Grixa
A Deputación da Coruña deu por rematadas as actuacións de acondicionamento en dous lugares no concello de Muxía, cuxa asignación orzamentaria conxunta ascendeu a 279.640 euros e que se enmarcan dentro do Plan de Acción Social (PAS) posto en marcha polo ente provincial. Neste senso, tanto a mellora da estrada de acceso á praia de Nemiña (Muxía) como a rehabilitación do paseo procesional da Grixa- Vilastose (Muxía) xa están en funcionamento, ao servizo dos cidadáns. No paseo procesional da Grixa-Vilastose, fixéronse labores de pavimentación na superficie do vial de acceso, coa previa demolición do alprende anexo á igrexa, que desvirtuaba o conxunto arquitectónico relixioso. Para a execución das obras, foi necesaria tamén a substitución dos muros de pedra delimitadores, a canalización pluvial mediante tubarías de saneamento de PVC e canais de drenaxe para as zonas de carga pesada. A obra, financiada con 178.000 euros, completouse coa substitución da rede de alumeado público externo con luminarias e columnas ornamentais. Na pavimentación, utilizáronse lastras en tres tamaños diferentes, con acabado irregular, para unha maior harmonía estética. Este tramo forma parte do Camiño Xacobeo, “Fisterra-Muxía”, que ofrece dúas alternativas dende a saída do Hospital, e que leva directamente a Muxía, pasando por Dumbría, Senande, Quintáns-Ozón e Os Muíños, no ámbito da igrexa parroquial de San Cibrán de Vilastose. Acceso á praia de Nemiña En canto á segunda actuación sobre a mellora e acondicionamento da estrada de acceso á praia de Nemiña, dotada con 101.640 euros, procedeuse a eliminación de altos para o seu saneamento, reposición en sobreanchos, fochancas e mordentes. Ademais, construíuse un borde de formigón co obxecto de gañar anchura e protexer o acceso da erosión das augas pluviais. A obra completouse coa pavimentación e co perfilado das beiravías en todo o tramo que comprende a calzada.   Novas relacionadas Fonte

Comentarios