Martes. 19.03.2024
El tiempo

Sofre un accidente e fúgase polo medio do monte

Esta fin de semana volvemos sufrir varios accidentes nas nosas estradas. Algún con carácter singular, como o que acontecía en Muxía.

Accidente en Muxia
Deixou o coche envorcado e marchou
Sofre un accidente e fúgase polo medio do monte

Pasadas as 10:00h da mañá deste sábado, un coche sufría un envorco na estrada DP-2303 (punto quilométrico 10) á altura da Ponte Constante, en Muxía. O primeiro coche que parou, axudoulle ao condutor e único ocupante a saír, pero acto de seguido o home saíu monte arriba. As testemuñas, que quedaron tremendamente sorprendidas, chamaron ao 112 e tiveron ata que sinalizar a calzada pois o vehíclo quedara no medio e medio da estrada, ocupando, envorcado, os dous carrís.

Ao chegar axentes da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, as testemuñas indicáronlle o camiño por onde escapara, e pasados uns 40 minutos o atoparan no medio do monte. 

A Garda Civil identificouno (é veciño de Fisterra) a través do coche, que carecía de seguro. O individuo  tiña o permiso retirado e duplicaba a taxa de alcolemia. 
Tiña feridas leves e foi trasladado por efectivos do 061 ao Hospital Virxe da Xunqueira. Ata ás 12:30h a estrada non recuperou a normalidade.

Un ferido en Cabana

Este domingo, ás 1:00h, un coche sufría unha saída de vía, provocando un choque en Ameixenda, parroquia de Nantón, Cabana. A acompañante resultaba ferido e tiña que ser atendida polos sanitarios cunha fractura aberta nun nocello. O outro ocupante do vehículo (condutor) saíu ileso.

Ao lugar acodiron os Bombeiros de Carballo, Ambulancia 061 e Garda Civil de Tráfico.

Comentarios