O voluntariado de Mar de Fábula e Comarea rescata 38 sacos de lixo do Coído de Touriñán
Esta fin de semana tivo unha nova limpeza medioambiental. A Asociación Mar de Fábula unía forzas coa Asociación Xuvenil Comarea, de Muxía, para afrontar a limpeza do coído de Touriñán. Unha cita á que non faltan nos últimos 5 anos, e que sempre deixa a súa importante pegada.
Alí acodiron 23 voluntari@s a recoller lixo baixo un ceo revolto de grandes nubes sen auga, nunha atmósfera confusa de escuma e salitre, e co vento do sur pegando con refachos de 40 nudos. “A pesar de nós vir en son de paz para aliviar as súas feridas, o mar semellaba querer engulirnos botando a cada treito as gadoupas, sen errar de todo, sen atinar de máis”, explica sentido Xosé Manuel Barros, sobre este inhóspito lugar, “natureza en estado puro”.
Despois de 2 horas de traballo, o coído quedou limpo, no seu estado natural. Foi falta rescatar 38 sacos cheos de lixo plástico misceláneo, enorme volume de grane. A anécdota, esta vez, unha estacha dun mercante de 25 metros de lonxitude que serviu para trincar ben os sacos na espera dunhas horas polo tractor con remolque do concello de Muxía, para levalo e clasificalo no punto limpo.
Estaba previsto un acto cultural, con recital e música, pero o único concerto que sonou foi o son do vento.
Novas relacionadas
- 30-01-20: 40 voluntari@s eliminan da praia de Traba milleiros de pellets de plástico.
- 27-12-20: Varios areais da comarca aparecen sementados de pequenos pellets de plástico.