Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Tres xeracións despiden a Jesús Toba, a alma do Cole de Muxía

Jesus Toba coas mestras do CEIP Virxe da Barca
Jesús Toba coas mestras do CEIP Virxe da Barca no xantar de despedida
Tres xeracións despiden a Jesús Toba, a alma do Cole de Muxía

As avoas que estes anos pasan a recoller aos nenos e nenas do CEIP Virxe da Barca de Muxía, xa pasaron polas súas mans. Dato que dá boa conta da historia que ten detrás Jesús Toba, o ata a semana pasada, conserxe do centro muxián. Unha historia, en todo caso, que quedaría nas meras cifras de non ser polo agarimo que lle ten, e que lle seguirá tendo, media vila muxiá.

Tres xeracións medraron con el. Empezou no ano 82, con 22 anos, estreando o IES Ramón Caamaño (antes era Virxe da Barca), ata o 98, que subiu para o colexio novo da vila, que herdo o nome do vello IES, e quedou como CEIP Virxe da Barca. Máis de 40 anos exercendo moito máis que unha labor “irreemprazable”.

Así define a súa figura Fani Trillo, directora do Centro, que valora como “un gran perda para o centro” a súa xubilación. “Ninguén, por moi bo que sexa, vai ocupar o seu lugar”, sinala rotunda, contando todo o que significa para os nen@s: “é o seu médico, que lle cura todos os males coas súas tiritas máxicas, o seu sanador; é o psicólogo polo apoio moral que lles dá, e porque aguanta os choros de tod@s… fai de todo. Só dicirche que os nen@s lle chaman “o cole de Jesús”.

Tamén o adoran as súas compañeiras, que antonte celebraban unha comida de despedida na Praia do Lago. “Carismático, colaborador, implicado, un brazo que sempre che vai axudar”, explica Fani desta pesoa sempre entregada á dinamización cultural.

Corvo Roque de Muxia
O Corvo Roque é creación de Jesús Toba

Xa en 2013 recibiu o esquecido Premio Maria Amelia, valorando a ilustración do libro “O Corvo Roque", un corviño que xa é historia popular da vila de Muxía que segue cautivando e emocionando a grandes e pequenos.

El escapa de entrevistas e demais homenaxes que engrosen “egos e vanidades”, sobre todo por “vergonza”, pero agradece sentir o cariño da xente pola rúa, e dende aquí facemos que ese agarimo tamén fique nun detalle na rede.

Comentarios