CrossDumbría: “A cara de satisfacción dos que nunca correran algo parecido foi o mellor premio que puidemos levar”
Non se fai todos os días unha carreira de Obstáculos. E precisamente para achegarlla á veciñanza da comarca, DAFit e o Concello de Dumbría armaron esta pasada fin de semana a I Carreira de Obstáculos Concello de Dumbría. Foron 173 os atletas que participaron nas dúas distancias (2,5 e 7,5 km) e polo de agora non se escoitan máis que boas críticas.
“A cara de satisfación dos que nunca correran algo parecido foi o mellor premio que puidemos levar”, explica Damián Espasandín, membro da familia organizadora de DAFit, e campión mundial da disciplina.
Non era unha carreira especialmente dura, pois a idea é que todo o mundo puidese acabala. Aínda así suaron sangue, ou máis ben lama, para superar os 18 obstáculos propostos no percorrido.
Na categoría absoluta dos 7,5km, foron Rubén Insua Díaz e a estrella mundial Paula Esteiro, os campións, por diante de Alberto Outeda e Javi Barrientos en categoría masculina, e Carmen Castro e Laura Montero, que completaron o podio feminino.
Nos postos de arriba tamén apareceron Christian Danis, Manuel Fernández Saavedra, Raniro González, Kiko García, Dionisio Fabián, Jose Bermídez e Antonio González en homes; e Alicia Novás, Belén Iglesias, Elena Torea e Chega Cajuso en mulleres.
Dende Dumbría, que tanto apostan polo deporte, xa teñen claro que o ano que vén repetirián, cunha proba que de seguro contará con moitos máis participantes.
Fotos de Jorge Castro