Luns. 24.06.2019
El tiempo

Paula Esteiro e Damián Espasandín reflexionan sobre o seu Campionato do Mundo na Farinato Race

Damian Espasandin e Paula Esteiro na Farinato Race
Damian Espasandin e Paula Esteiro na Farinato Race
Paula Esteiro e Damián Espasandín reflexionan sobre o seu Campionato do Mundo na Farinato Race

Volvérono facer. Esta pasada fin de semana voltaban co campionato do Mundo da Farinato Race, unha proba independiente pero que serve para clasificarse para o campionato do mundo oficial de OCR, que se celebrará en Londres o vindeiro mes de outubro.

Paula Esteiro e Damián Espasandín están no nivel máis alto do planeta deste novo e esixente deporte. E por iso cómpre parar e ver como combinan a vida diaria (a camariñá é enfermeira e o vimiancés coordina a escola deportiva DaFIT) co deporte de alto nivel.

  • Como chegades ás carreiras de obstáculos?

- Paula: Empezo en Farinato en 2016. Estaba empezando nas carreiras populares e cheguei aos obstáculos porque coñecín a Damián. Empezounos a animar e, sen ter nin idea, probei e funme introducindo neste mundo.

- Damián: Antes practicaba outros deportes. Veño do mundo do trail e do atletismo. Cheguei aos obstáculos fai cinco anos. correra todas as distancias que puiden en atletismo desde a milla e os 3.000 ata os ultras, un de 70 e outro de 200 km. Quixen probar, corrín en Pontevedra, gustoume, quedei máis ou menos ben de posición e empecei a adestrar un pouco máis.

  • Que teñen as carreiras de obstáculos para enchangarvos así?

- Paula: A fortaleza para superar este tipo de probas. Fixeime nunha moza que corría unha carreira de obstáculos, chamoume a atención, empezamos a adestrar de forma específica e así aos poucos funme metendo neste mundo OCR no que compartes as vivencias das viaxes e vas vendo aos mesmos compañeiros.

- Damián: É un reto constante porque por moito que pensas que controlas logo chegas a unha carreira e atopas obstáculos novos que nunca fixeches. É unha actividade que che obriga sempre a estar innovando, crear obstáculos en casa e iso é o bonito. É unha motivación extra que non teñen outros deportes.

 

  • Vésevos constamente polas estradas correndo. Como é o voso método de adestramento?

- Paula: Normalmente adestro catro días á semana e despois sábado ou domingo temos carreiras e si non coincide descanso. Fago específico de carreira e con Damián, no centro de adestramento, dou clases específicas de OCR. Iso fágoo dous días á semana.

- Damián: É complicado de adestrar porque hai dúas cousas craves. Unha é a carreira, que se adestra ao aire libre, e despois os obstáculos, que engloban dous partes. Unha de forza común que pode ser en ximnasio e logo a propia técnica de obstáculos, que é un pouco máis difícil.
 

  • Como compatibiliza o seu traballo con este deporte?

- Paula: Son enfermeira e traballo de luns a venres ou sábado polas mañás ou pola tardes. Podo adestrar a última hora da tarde e os fins de semana, como os libro case todos, aproveito para as viaxes.

- Damián: Teño unha empresa con varios centros e o que me dedico é a dar clases dirixidas, a adestramentos e á xestión do propio centro. Teño en Cee, Dumbría e Carballo e tamén xestionamos noutros concellos. Eu dou clases de OCR, vén máis xente e aproveito para adestrar e aprender de todos eles.

 

  • Que supuxo para vós gañar este último campionato do mundo Farinato?

- Paula: Levo participando tres anos. En 2018 tamén o gañei. É un reto porque é a única competición que hai en España en formato medio maratón de obstáculos. Supón un maior reto porque separadamente dos obstáculos habituais súmanse quilómetros e adoitan ser probas de dureza maior polos percorridos.

- Damián: É unha proba importante porque ademais do propio título, quen a gañe, convértese en embaixador Farinato e vai a Londres a representar ao país. Todos queren ir, facelo ben e é unha motivación constante.

 Damian Espasandin e Paula Esteiro ganando a Farinato Race

  • É importante adestrar a psicología neste deporte?

- Paula: A verdade é que non a adestro, pero compito como hobby. Intento gañar, pero non me veño abaixo si non gaño unha proba ou me descalifican. Intento tomarme ben todo o que suceda para coñecer as miñas debilidades. Considérome bastante forte neste aspecto e non me veño abaixo facilmente.

- Damián: Si, é moi importante, porque é un deporte no que ás veces levas sorpresas para ben ou mal. Hai carreiras nas que ás veces vas primeiro e a cen metros da meta atópaste un obstáculo que non es capaz de superar e perdes o primeiro, segundo ou terceiro. Tes un factor psicolóxico moi importante e hai que saber xestionar os esforzos para non pasarte nas carreiras.

  • En que distancias vos sentides máis cómodos?

- Paula: As curtas non se me adoitan dar ben porque non teño moita explosividade e por iso cantas máis longas mellor. Aínda que non adestro moitos quilómetros, si me beneficia ir aos poucos para gañar posicións. As de 21 estánseme dando ben, aínda que é unha distancia que non adestro.

- Damián: Ultimamente mellorei en distancias longas. Antes atopábame mellor en curtas e agora, co paso dos anos, prefiro unha carreira de 10. Non moito máis.

 2 Paula Esteiro

  • Que obstáculos gústanlle máis e cales menos?

- Paula: Na última houbo unha especie de 'monkey bar' inestable que me gustou. A traca final de obstáculos, normalmente de suspensión, gústanme moito, pero as arrastradas non me gustan nada porque castigo moito as pernas.

- Damián: Os que máis me gustan son os de forzas de brazos. Na Farinato os que menos me gustan son as fosas porque están cheas de barro e auga. Sempre resulta complicado de escalar porque está mollado e non me gusta nada. Os que peor me van son os de reptadas, non son grande nin voluminoso e non os paso coa fluidez dos compañeiros.

 Damian Espasandin na Farinato Race

  • Que espera do Mundial de obstáculos de Londres?

- Paula: Teño diferentes obxectivos nas probas internacionais respecto de as nacionais. Quero acabala, facelo sen lesións e intentar facer o mellor posto posible. Nun Mundial están os mellores e é difícil quedar nun bo posto, pero por categoría de idade (35-39) si podería quedar ben situada.

- Damián: Xa corrín en 2018 alí, ademais vai ser no mesmo sitio e recordo que se podía correr rápido. Conseguín quedar entre os dez primeiros e agora as aspiracións son loitar polo podium. Non digo quedar entre os tres primeiros, porque ese non é o obxectivo realista.

 

Novas relacionadas

Comentarios