Esgotadas en dúas horas as 120 prazas para participar no Duatlón de Reis
Hai gañas de facer deporte. Así o ratifica a rápida resposta dos atletas de toda Galicia, que esgotaron en apenas un par de horas, as 120 prazas que onte abría o Concello de Vimianzo para a XII edición do Duatlón de Reis, onde se darán cita 120 deportistas
A cita celebrarase este domingo, 25 de abril, tras ter que ser posposta polo contexto sanitario, xa que normalmente celébrase a comezos de ano. A saída terá lugar ás 10:30 horas, e a expectativa é que o remate sexa ás 13:00 horas e a entrega de trofeos ás 13:15 horas.
Como principal novidade, e por protocolo COVID-19, os deportistas sairán de dous en dous en tandas cada vinte segundos e garantindo sempre unha correcta distancia de seguridade. Suprimiranse os servizos de vestiario e gardarroupa e só poderán acceder á zona de carreira os deportistas e persoal acreditado.
Como deportistas destacados, están inscritos nomes da talla de María Martínez, campioa absoluta feminina do XI Duatlón de Reis 2020; Mar Delgado, Gabriel Castiñeira, David Calzas ou Marcos Mallo, campión galego.