Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Conservas Boya non pode co Paraxe Construcciones mentres o Calvo segue arriba

O Conservas Boya non pode co Paraxe Construcciones mentres o Calvo segue arriba

Comezou a segunda volta da liga de 1ª Estatal (xornada 14). E o fixo cunha boa e unha mala nova. O Calvo, moi arroupado na Coruña, conseguía unha importante vitoria que o mantén na loita polos postos de arriba, como nos comentaba o xogador Pablo Iglesias na vídeo entrevista de Anxo Garrido.

Pola contra, "Ano novo e males vellos" para o Balonmán Camariñas, que caía con rotundidade ante un forte Chapela.

Queda agora o Calvo na 5ª praza con 18 puntos, a 4 do liderato, mentres que o Conservas está 12º con 6 puntos.

Paraxe Construcciones - Balonmán Camariñas (40-27)

  • Bm Camariñas Conservas Boya : Víctor [p], Cristian [p], Alan (1), Fari (4), Fabián (2), Felipe (2), Pombo(3), Damián (2), Salva, Catalán (3), José Ramón (2), Xabi (2), Perón (3), Antelo.

Empezou moi ben o Boya no primeiro partido do ano, despois do descanso do Nadal, pero aos poucos o Chapela, a base de físico e experiencia, foise impondo a un Camariñas que ao final boto de menos aos ausentes, xa que non foron convocados por distintas causas, Quin, Moncho e Borja; e tamén hai que dicilo, os saíntes dunha lesión (Alan, Fabián e Pombo) non están aínda a ton.

Boa actitude defensiva, boa organización en ataque, pero soamente nos primeiros 20 minutos, logo o peso da responsabilidade e a falta de físico fixeron madeixa nos visitantes que non puideron aguantar o empuxe do maior poderío chapelista.

Hai que seguir mellorando, e cando a sorte acompañe e póidase contar con todo o equipo en cancha, esperemos poder volver á senda da vitoria.

CONSLAR O.A.R. CORUÑA - CALVO XIRIA (23-25)

  • Conslar O.A.R. Coruña 23 (11+12): Mouriño [p], Lozano (5, 1 de 7 metros), Alfonso (5), Víctor (6), Ángel (2), Aitor, Flavien (1) -equipo inicial- Santos [p], Salgado (1, 1 de 7 metros), Yoel, Sarasola, Pardales, Uxío (3), Rey.
  • Calvo Xiria 25 (11+14): Iago [p], Dubra (7, 3 de 7 metros), Jesús (3), Manuel (2), Ángel, Ramón, Alex García -equipo inicial- Kike [p], Cuco, Miguel, Pablo (7, 4 de 7 metros) , Alex Zas (1), Sergio, David (5).

Partidazo en Coruña. Dábanse todos os ingredientes para que fose unha festa dos seareiros: equipos que pelexan ata o derradeiro segundo, inmersos na loita por chegar ao máis alto da táboa clasificatoria, xogo de defensa e contraataque fulminantes..., foi na cidade herculina, mais pareceu coma se estivese na casa, pois a afección que máis se deixou sentir foi a carballesa que fixo do Pavillón San Francisco Javier, por un día, un novo Vila de Noia.

Ao longo dos sesenta minutos a tensión dun derbi viuse plasmada no terreo de xogo, moitos contactos e dureza en cada unha das accións, ás veces por enriba do permitido polo regulamento, non sempre aplicado con acerto polos colexiados. Poucas opcións deron as defensas aos ataques, tanto por un bando como por outro, e nas poucas veces que os xogadores atacantes conseguían unha vantaxe aí estaban os porteiros para deixar ben ás claras que cada gol ía ser froito dun duro traballo. Deste xeito se chegaba ao descanso cun parcial de 11-11 que falaba ben ás claras de por onde se movía o partido e de que agardaban moitos minutos de emoción cun incerto desenlace.

A segunda parte non variou a tónica inicial, todo facía presaxiar un desenlace nos derradeiros segundos de partido. Ata o minuto 38, aí iniciouse un novo encontro. O Calvo Xiria tivo trece minutos ao OAR ancorado en 15 goles, neses intres foi quen de acadar unha vantaxe de cinco goles que ao final sería definitiva. Pero o desatino na finalización dos contraataques, 5 balóns clarísimos desaproveitou en dous minutos, e dúas exclusións practicamente consecutivas (minutos 50 e 51) puideron custarlle caro aos carballeses. Como non podía ser doutro xeito os coruñeses seguiron pelexando ata o derradeiro suspiro, deixando o marcador final nun axustado 23 a 25 que outorgaba os dous puntos ao Calvo que brindou a vitoria aos seus seareiros...merecidamente.

Vindeira cita

  • A vindeira fin de semana o Calvo Xiria enfróntase ao Inzamac Zamora, segundo clasificado na liga, no Pavillón Vila de Noia. Será coma ven sendo habitual ás 18.30 h, o sábado, 21 de xaneiro..
  • O próximo partido do Conservas Boya será en Camariñas, o sábado 21 ás 18:30 no Pavillón do Areal, contra o Oar da Coruña.

Novas relacionadas

Máis información

Crónicas 2011/2012

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Notas de prensa do Balonmán Camariñas e do Calvo Xiria.

Comentarios