Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Razo acollerá unha das probas da World Surfing League

Xose Regueira falando a World Surfing League
Xose Regueira na presentación das probas provinciais da World Surfing League
Razo acollerá unha das probas da World Surfing League

A World Surfing League (WSL) volve este verán ás costas coruñesas con tres probas que contarán co apoio da Deputación da Coruña e que serán as únicas do circuíto mundial que se disputen en España: o Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o Cabreiroá Junior Pro Razo e o Gadis Longboard Festival Ferrol.

A caravana da WSL trae surf, música en vivo, sorteos e food trucks, en tres xornadas que reunirán os mellores surfistas do panorama internacional, en diferentes categorías e especialidades, nas praias de Pantín (Valdoviño,  do 24 de agosto ao 1 de setembro), Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro) e A Fragata (Ferrol do 13 ao 16 de xuño).

Durante a súa intervención, Regueira salientou o potencial do surf, “elemento tractor dentro do turismo, pois falar de surf é falar de economía”. “Falamos continuamente de sostibilidade, de buscar un perfil de visitante diferente, máis responsable e máis comprometido tamén co territorio, e o surf danos moitos deses ingredientes”, engadiu.

“O convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos”, explicou Regueira, “é seguramente un dos máis importantes que firmamos ano tras ano. Ten moito de culpa a organización, que nos soubo convencer das posibilidades que ten o surf, por iso era a nosa obriga que estar aí, apoiándoos”.

“Certo que a ‘Triple coroa’ mundial de surf vaise celebrar en Galicia, aínda que eu vou circunscribir o acontecemento ao ámbito da Coruña, unha provincia con 956 quilómetros de costa onde pasan cousas a referenciar a nivel internacional, e o surf é unha das máis importantes”, afirmou o vicepresidente.

Para Regueira, “o sector económico relacionado co surf que se está a desenvolver é relevante non só para os municipios de costa, senón para os de todo o territorio, onde buscamos diversificar e crear produtos de tracción internacional”. “Produtos só posibles de ofrecer co colaboración entre as administracións; neste caso, entre a Deputación da Coruña, a Xunta e os concellos, pero tamén co concurso, imprescindible, do sector privado, pois sen a cooperación co sector privado proxectos coma o que hoxe presentamos non existirían”.

Comentarios