A segunda edición do Trail Mosteiro de Soandres xa ten data
O Concello da Laracha e o club Laracha en Dúas Rodas veñen de presentar a segunda edición do trail Mosteiro de Soandres, que se vai celebrar o día 22 de xaneiro.
O evento principal será o trail de 27 km de distancia, un percorrido lineal rápido, de mil metros de desnivel positivo que partirá desde o mosteiro de Soandres e discorrerá por fermosos espazos naturais xunto a elementos arqueolóxicos como os fornos dos mouros e a pedra da Cabirta e, a parte final, a carón do río Anllóns ata chegar á praza Les Sables d’Olonne da Laracha.
Para o caso do mini trail e tamén a andaina, o percorrido será reducido, de 13 km e un desnivel positivo de 600 metros.
Dado que a saída e a meta se atoparán en puntos diferentes, a organización porá a disposición dos participantes transporte en autobús desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ata o mosteiro de Soandres antes do inicio da
competición. Ao rematar, serviranse callos aos competidores.
A inscrición xa está aberta e debe realizarse en liña en magmasports.